Opinión

Datos para o optimismo

A semana pasada publicouse o Informe de Conxuntura no que o Foro Económico de Galicia dá conta da información económica e estratéxica da economía galega. Deste xeito, cada trimestre a través dun documento gratuíto e accesible a todo o público na web achéganse os principais indicadores económicos e sociais dispoñibles.

O balance que se pode facer do primeiro trimestre do ano ten que ser necesariamente favorable xa que logo a economía galega encadea 10 trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais igual ou superiores ao 3%. En concreto, no primeiro trimestre de 2018 acadou unha medra do 3,1% o cal constitúe unha porcentaxe similar ao dos últimos trimestres de 2017. Este incremento é unha décima superior á media española e supera ao rexistrado na zona euro (2,5%) e na Unión europea (2,4%). 

Este crecemento agregado do PIB en Galicia segue caracterizándose polo seu equilibrio das achegas positivas da demanda interna e da externa. Así, cómpre salientar a significativa contribución da demanda interna (2,6 puntos) o cal supón o valor máis elevado dende o cuarto trimestre de 2007. Esta contribución explícase tanto polo impulso do investimento (4,6% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior) como pola mellora do consumo dos fogares, que acada unha medra interanual do 2,8%, a taxa máis elevada dende 2006. No que atinxe á demanda externa, esta contribúe en 5 décimas ao crecemento do PIB, un punto porcentual menos que no mesmo período do ano anterior. Tanto as exportacións como as importacións presentan un crecemento igual ou superior ao 7%. 

Dende o punto de vista da oferta, o aspecto máis destacado do pasado trimestre é que todos os sectores contribúen de xeito positivo. Neste senso hai que destacar o bo comportamento do sector industrial (6,3%) e, máis en concreto, da industria manufactureira. 

Tamén o comportamento do mercado de traballo amosou unha tendencia favorable. Os seus grandes agregados evolucionan positivamente, atendendo á evolución da ocupación e á caída do desemprego (especialmente no paro de longa duración). Dunha banda, as afiliacións medran un 2,7% respecto ao primeiro trimestre do ano anterior, fronte ao 1,6% no caso da poboación ocupada segundo a EPA e os postos de traballo equivalente. Doutra banda, o paro descende considerablemente (un 14,1% na EPA e un 11,2% no servizo público de emprego). Asemade, os tres indicadores de emprego presentan taxas de crecemento inferiores á media estatal. A taxa de actividade galega descende ata o 53% e a taxa de ocupación ata o 45%. Por contra, a taxa de paro redúcese ata o 15,1%, a porcentaxe máis baixa nun primeiro trimestre dende o ano 2009. 

Sen embargo, sempre hai sombras detrás de todas estas luces e así débese destacar que no actual contexto económico positivo persisten elementos preocupantes como a continua caída da poboación activa (especialmente grave no caso da poboación de 25 a 34 anos), a menor capacidade de creación de emprego en comparación coa media española ou o incremento da taxa de temporalidade. 

Te puede interesar