Opinión

Desafíos laborais en Galicia

O Foro Económico de Galicia vén de presentar o seu último Informe de Conxuntura do ano que recolle os últimos datos oficiais dispoñibles correspondentes ao terceiro trimestre de 2017.  Este documento, como o resto de trimestres anteriores, está dispoñible na súa páxina web e a disposición de quen queira consultalo. 

No que atinxe ao mercado de traballo, os datos confirman a tendencia favorable emprendida hai máis de dous anos e, dentro deles, cómpre destacar a racha á baixa do limiar psicolóxico dos 200.000 parados na nosa Comunidade.  Esa cifra permite situarnos nunha taxa de paro do 14,5% que nos leva aos niveis de 2009-2010.  Asemade, en termos de ocupación, os diferentes indicadores encadean xa once trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais positivas o que constitúe un aspecto claramente positivo.

En todo caso, estes datos teñen tras de si, algún aspecto sobre o que é preciso deterse e telo en consideración polas súas consecuencias negativas.  Nomeadamente estamos a falar de catro desafíos do mercado laboral galego que condicionarán, e moito, a evolución futura do mesmo.

O primeiro deles ten que ver coa súa comparación co resto do Estado, posto que o conxunto de España está a crecer en termos laborais cunha maior intensidade que Galicia (en torno a un punto porcentual por riba).  Na medida que isto continúe así afondará o diferencial e situará a Galicia nunha peor posición relativa con respecto á media estatal.

Un segundo aspecto é o referido á poboación activa, que continúa a descender en Galicia.  Especialmente grave é a evolución da poboación máis moza (entre 25 e 34 anos) que, no pasado trimestre, caeu nun 7% (isto é, 18.000 activos menos na Comunidade).

A continuación, hai que facer fincapé na elevada taxa de temporalidade (un 28%) que é consecuencia directa de que a maioría dos novos contratos son temporais e non indefinidos.  Na medida que esta tendencia continúe a repercusión negativa na calidade do emprego será evidente.

E finalmente, pero non por isto menos importante, albíscase un problema no referente ao paro de longa duración.  Hai que pensar que máis da metade dos parados galegos levan máis dun ano nesta situación.  Esta circunstancia aboca a este colectivo a unha situación de especial vulnerabilidade polos atrancos que se van atopar na hora da reincorporación ao mercado laboral.  Por este motivo deben ser obxecto de atención preferente.

En definitiva, a análise de mercado laboral galego debe ser positivo pero matices.  Estes matices ou consideracións constitúen, sen dúbida, os verdadeiros desafíos aos que terá que facer fronte o novo ano 2018.  

Te puede interesar