Opinión

Detrás dos datos da EPA

Trimestre a trimestre a publicación dos datos sobre o mercado laboral que proporciona a Enquisa de Poboación Activa (EPA) dá lugar a diferentes interpretacións, nalgúns casos interesadas e con escaso rigor. É este un problema que presentan as magnitudes económicas que poden ser moi perigosas en función de en que mans caian.

Cando se está a falar do principal problema económico que ten o noso país que é o paro, as análises deberían facerse con máis cautela. Neste senso o primeiro aspecto importante é non centrarse exclusivamente nun dato senón na súa tendencia. Asemade, canto máis longo sexa o período estudado e cantas máis as variables incorporadas, moito mellor. Se a isto se lle une unha comparación con outros territorios, certamente a avaliación vese moi mellorada. Tratemos logo de botar unha ollada a que é o que se agocha detrás dos datos da EPA do terceiro trimestre. En primeiro lugar, constátase unha clara tendencia favorable, tanto na caída da taxa de paro como no incremento do número de ocupados (que permite a Galicia superar o millón de persoas nesta situación das cales 106.000 son ourensanas). Isto, sen lugar a dúbidas, constitúe claramente unha boa nova. 

Sen embargo, se facemos o exercicio recomendado previamente, as cousas mudan substancialmente. Así, basta con centrarnos nese 20% de taxa de paro, tanto para Galicia como para Ourense (20,25% e 20,12% respectivamente), que supón a maior porcentaxe do norte peninsular. Ben é certo que é considerablemente máis baixo que as Comunidades meridionais pero tamén son cinco puntos máis que os territorios cun paro máis baixo que son Navarra e Pais Vasco. Complementariamente cunha perspectiva temporal, ese 20% cento de taxa de paro e un millón de ocupados volta a situarnos a niveis do ano 2012. 

Quere isto dicir que asistimos so a unha reversión da dramática tendencia iniciada en 2008 de destrución de emprego que supuxo case que triplicar a taxa de paro en Galicia onde o número de parados daquela apenas superaba as 100.000 persoas (hoxe superan os 250.000). E para completar esta “tormenta perfecta” no que ao eido laboral se refire existe unha magnitude á que moitas veces non se lle presta a atención necesaria que é o número de activos. Estes son conxunto da poboación que está en condicións de traballar e, tamén dende o comezo da crise, está en diminución. 

Este feito vén a amosar que, pese ao crecemento demográfico e por diferentes motivos, cada vez menos xente se incorpora como activo. Esta é outra característica, e moi grave, da crise posto que se a evolución fose semellante á da poboación as análises serían aínda máis preocupantes. Así pois, cómpre coller estes bos datos con moita cautela e sobre todo quedando á expectativa de cómo evolucionan no futuro e como se distribúen tamén os seus efectos entre diferentes sectores, grupos sociais, etcétera.

Te puede interesar