Opinión

Encarando a saída da crise

Logo de botar unha ollada sobre os recentes datos dos agregados macroeconómicos o primeiro que cómpre sinalar é que supoñen, con carácter xeral, unha nova positiva que como tal debe ser valorada. Ademais non se debe perder de vista que a economía se move por expectativas e, en moitas ocasións, por sensacións dificilmente explicables. Por iso, hai que aproveitar a oportunidade de infundir certo optimismo cando hai ocasión para iso.

Feita esta primeira consideración, paréceme tamén relevante deixar constancia de que dentro dos ciclos económicos só hai un momento de máis transcendencia que as crises, que son os de inicio da recuperación. De como se realice este comezo e os vimbios que se poñan para esta tarefa dependerá que a saída da crise sexa real ou, pola contra, que se quede en algo conxuntural e pasaxeiro. Non fai falta irse moi lonxe no tempo para comprobar o aquí sinalado posto que o acontecido no ano 2010 constitúe un excelente exemplo. Tratouse dunha saída en falso da crise que se comproba agora unha vez pasada cando se observa a tendencia da economía en forma de “W”.

Para non caer nos erros cometidos naquela ocasión convén facer un exercicio que non sempre resulta fácil como é aprender dos erros. Isto é un mal inherente ao ser humano, pero xa non digamos cando falamos do “homo economicus”. De xeito concreto, cómpre aquí sinalar o feito de que a recuperación estea baseada en fundamentos de moi curto percorrido e con escasa solidez económica. E é neste senso onde resulta interesante realizar algunha reflexión para o que está ocorrendo para a provincia de Ourense e o que cabo esperar do seu futuro máis inmediato.

Fronte a análises máis tradicionais que se limitan a falar de sectores económicos, o interese debería centrarse noutras características da actividade económica, e non si realízase no sector agrario ou na tan denostada (moitas veces por méritos propios) construción. En particular, hai dous aspectos que van condicionar todo aquilo do que aquí estamos falando. Trátase do coñecemento e da tecnoloxía. Isto é, toda actividade, sexa do sector que sexa, que non veña marcada por altas doses de coñecemento e un alto ou moi alto compoñente tecnolóxico estará en clara desvantaxe fronte ao resto. E é aquí, xa que logo, cara a onde todos os axentes implicados deben encamiñar os seus esforzos de xeito decidido. Na medida que se teña éxito nesta tarefa conseguiuse andar unha moi boa parte do camiño e, ademais, na dirección correcta. Non o perdamos de vista e teremos moito avanzado.

Te puede interesar