Opinión

Escenario económico: fortalezas e debilidades

A economía galega afronta un fin de ano cunha ralentización no seu ritmo de crecemento.  Isto coñécese tecnicamente como “desaceleración” e implica que segue a crecer, aínda que con menos intensidade que a comezos de ano.  Coma sempre en economía existen diversos xeitos de interpretar esta realidade e convén ter presente todas as perspectivas para entender o que acontece e, sobre todo, o que vai acontecer.  Con esta finalidade, o último Informe de Conxuntura do Foro Económico de Galicia, recentemente presentado e dispoñible gratuitamente en internet, supón unha valiosa axuda.

O primeiro que é necesario salientar é que nos atopamos ante algo que xa estaba previsto, se ben o que se anunciara é que ía ocorrer a comezos de ano.  Non foi así, e 2018 principiou cunha fortaleza económica insospeitada apoiada polos coñecidos como “ventos de cola”.  Estes permitiron manter, e mesmo incrementar, o ritmo de crecemento do ano anterior.  Sen embargo, na segunda parte do ano esas axudas externas comezaron a esmorecer e o ritmo de crecemento viuse resentido. Esta é a situación actual cun crecemento lixeiramente superior ao 2,5% do PIB en termos inter-anuais.  Así, todo apunta que o ano poderá rematar nun crecemento económico global en torno ao 2,8% como xa se anticipara dende o Foro nas súas previsións feitas en primavera.

O seguinte trazo do que cómpre deixar constancia é que este crecemento, pese a ter caído na súa intensidade, segue a ser superior á media do conxunto do Estado.  Deste xeito, a economía galega continúa a súa converxencia xa comezada hai dez trimestres.  Toda unha boa nova que debe ser aproveitada, xa que converxer con España tamén supón converxer con Europa que ten unha taxa de crecemento inferior á española.

Asemade, cabe salientar as boas perspectivas de catro sectores económicos que son estratéxicos para a economía galega: o naval, o téxtil, a automoción e o agroalimentario.  En todos eles albíscanse motivos para a esperanza. Nomeadamente, a confirmación do contrato para a construción das fragatas de Navantia, garante uns anos de bonanza para un sector con tantos efectos indirectos como é o naval.

Pero non é ouro todo o que reluce, e Galicia amosa eivas económicas que lonxe de mellorar continúan unha tendencia moi preocupante.  Como exemplo, basta mencionar tres delas: a febleza do seu sector manufactureiro, o reducido tamaño das súas empresas (que segue a diminuír) e a súa incapacidade de atraer dúas pezas chave de todo entramado económico: persoas e investimentos.  Sobre este último punto, basta botar unha ollada aos veciños do norte de Portugal para comprobar como, a aplicación de políticas económicas axeitadas conduce a efectos moi beneficiosos.  Non é utopía, está preto de nós e chama a atención que non sexamos quen de conseguir facer cousas semellantes ás lusas.  Probablemente, sería necesario facer unha reflexión sobre este particular.

En definitiva, rematamos ano con fortalezas e debilidades na nosa economía.  Canto máis coñecedores sexamos das mesmas, máis doado será a toma de decisións en materia económica.

Te puede interesar