Opinión

Estimacións de crecemento

Dende hai tempo a economía tense convertido en tema de interese cidadá.  Para ben ou para mal cada vez se fala máis de cuestións económicas e moitos termos económicos estanse a converter en vocablos de uso cotián. 

Un bo exemplo disto é o “Produto Interior Bruto”, máis coñecido polas súas siglas: PIB.  Sinxelamente o que mide este concepto é a riqueza dun territorio en termos monetarios. Trátase de algo relativamente novo, ideado a mediados do século pasado polo economista Simon Kuznets, co obxectivo de cuantificar o valor monetario da produción de bens e servizos dunha economía ao longo dun período de tempo.  Dende entón, e pese as críticas recibidas por este indicador non existe outro xeito mellor de analizar o crecemento dun territorio e,  polo tanto, de medir o éxito ou fracaso económico dos países ou rexións.

Por este motivo, as previsións económicas sobre a evolución do PIB dun territorio adquiren un papel cada vez máis importante nas decisións futuras das empresas.  De aí a necesidade de contar con previsións o máis certeiras posibles. O número de institucións, tanto públicas como privadas, que estiman a evolución do crecemento do PIB a nivel autonómico é inferior que a nivel do conxunto do Estado.  Consciente desta limitación, o Foro Económico de Galicia vén de publicar un traballo no que se realiza unha previsión de crecemento do PIB galego para o presente ano e que está dispoñible de xeito gratuito na súa web.

Animo pois ao lector á súa lectura se ben, a xeito de anticipo, concreto os tres aspectos fundamentais que se recollen no mesmo.  En primeiro lugar, ordénanse e preséntase todas as previsións dispoñibles para o PIB de Galicia en 2017. A continuación, avalíase a capacidade predictiva das diferentes estimacións das institucións públicas e privadas ata a data. Finalmente, e a partires do anterior, o informe ofrece unha previsión de consenso baseada na combinación das diferentes cifras dispoñibles e propón unha banda de confianza que se concreta nunha estimación de crecemento prevista para o PIB de Galicia entre o 2,5 e o 2,8% para 2017.

De acadarse esta cifra isto suporía unha certa relantización do crecemento galego se o comparamos co do ano 2016 (3,1%) pero, en tanto e canto, as previsións nos sitúan por riba da media estatal poderíamos falar dunha situación de consolidación da recuperación económica situándonos a nivel de comezo da crise, isto é do ano 2007 e 2008.   Baste sinalar que no 2016, e por primeira vez dende que comezou a crise económica, o PIB galego encadeou dous trimestres consecutivos con taxas de variación intertrimestrais superiores ás do conxunto do Estado.  

Con todo, este dinamismo ten de ser matizado tendo en conta, entre outros aspectos, que  no derradeiro trimestre do ano a economía galega parece tocar teito.  O que é seguro é que en 2017 seguirase a falar, e moito, de economía.  Basta por ver, se as previsión do seu crecemento son certeiras.

Te puede interesar