Opinión

Financiamento universitario

Estamos nunha situación movida no eido universitario xa que, coincidindo coa inauguración do curso, vénse de poñer enriba da mesa o tema do seu financiamento. Foi o presidente da Xunta quen, co seu anuncio de que a crise tamén lle ía tocar ao financiamento, detonou unha airada reacción dos reitores galegos. A partir de aquí, houbo moitas máis participacións ao respecto, entre as que cómpre destacar a do catedrático, e outrora conselleiro de Inditex, Xosé María Castellanos, e a do conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández. O primeiro fixo unha crítica e acertada diagnose da situación actual da universidade galega, namentres que o segundo deixou claro aos reitores que se non queren o diñeiro proposto pola Xunta haberá moitos outros departamentos encantados de recibilos.


Así pois, nestas nos atopamos coa universidade inmersa nun fondo proceso de reformas que agora choca con serias dificultades financeiras para levalas a cabo. Estas mudas, consecuencia principalmente do Tratado de Bolonia, albiscan grandes oportunidades malia que tamén debilidades graves. O seu fin, a homoxeneización dos títulos universitarios europeos, supón un fito notable. Pola contra o método seguido para a súa implantación xa ten amosado carencias, nalgúns casos de difícil solución, ao pretender impoñer a tódolos sistemas universitarios un mesmo xeito de funcionamento a pesar de tratarse de contextos diferenciados. De feito, no caso español, a reforma comezou cos estudos de posgrao cando a lóxica diría que hai que comezar polo principio e non polo final. Aínda así, esta experienza serviu para comprobar como o modelo ao que se quere optar esixe un grande esforzo en financiamento que, nese caso, se cubriu acudindo ao eido privado. Toca agora a reforma dos graos, a cal daría bastante que falar en canto aos seus baseamentos iniciais. Non obstante, o que si resulta incuestionable é que requirirá bastante máis diñeiro que as anteriores, sobre todo por afectar á maior parte da comunidade universitaria.


¿De onde van saír estes cartos?, ¿van seguir os reitores adiante sen ter garantido a súa viabilidade financeira? O tempo dará a resposta, pero debe terse presente que cada decisión tomada agora pode que non teña volta atrás.



Te puede interesar