Opinión

Galicia ante o brexit

A verba Brexit forma parte xa da nosa vida cotián enchendo moito espazo en xornais e medios de comunicación.  Todas as semanas xorden novas relativas ao proceso de negociación salientando posturas dos protagonistas e avances (ou des-avances) nos acordos segundo o calendario previsto.  Por este motivo o informe recén presentado polo Consello Económico e Social de Galicia (CES) sobre o grao de exposición da economía de Galicia non pode ser máis acaído.  Ata a data non existía información nin previsións de como nos ía afectar un feito tan importante a escala europea. Se, ademais, vén da man dos profesores da Universidade da Coruña, Laxe, Novo e Sánchez-Santos quen son referentes na análise económica galega, este informe constitúese como unha lectura obrigada para coñecer e ser conscientes do que acontecerá sobre este particular.

Os autores fan unha rigorosa revisión sobre os principais eidos onde incidirá o Brexit no contexto galego a través de enquisas, entrevistas e traballo de campo.  Nomeadamente fálase de catro puntos concretos: os aspectos migratorios, os intercambios comerciais, o investimento directo e o turismo.  A súa primeira conclusión é que o efecto global sobre Galicia será reducido, especialmente cando se compara co resto de autonomías.  De feito, non se albiscan, ata o de agora, impactos “extremadamente negativos”.  Non obstante, alertan sobre a importancia de que as negociacións rematen con acordo posto que a alternativa (o “hard-Brexit”) incidiría de maneira moi desfavorable, podendo chegar a unha paralización de determinados fluxos e correntes comerciais.  

Un aspecto onde Galicia se vería especialmente afectada é a pesca.  Sobre este particular os autores deixan claro que será necesario establecer un novo acordo entre Europa e o Reino Unido, así como actualizar a distribución das posibilidades de pesca en augas comunitarias para as flotas dos países da UE.  Este feito traería consigo a necesidade de transparencia na definición das novas condicións nos intercambios comerciais en termos de dereitos de aduana, barreiras non aduaneiras e continxentes.

En todo caso o principal efecto, en tanto e canto é o que atinxe á compoñente persoal dáse en todo o que ten que ver cos traballadores e os cidadáns galegos actualmente no Reino Unido.  Neste senso poderían resumirse en dúas as situacións a considerar, por un parte aquelas relativas a traballadores consolidados nas empresas e, por outra, aquelas que gozan de estancias curtas e especializadas (estudos ou desprazados). En ámbalas dúas situacións estes traballadores veranse afectados nunha tripla dimensión: o dereito de estancia, o acceso ás prestacións sociais e a asistencia sanitaria. Cuestións con moita transcendencia tanto no se refire aos aspecto laborais como os persoais e familiares.

En definitiva, o Brexit está aquí e aínda que non estamos certos de cómo, veu para quedarse.  Por iso cómpre estar atentos aos acontecementos vindeiros e como nos vai afectar no futuro máis inmediato.  Este informe da boas pistas de que é o que nos cabe agardar.

Te puede interesar