Opinión

Galicia como obxectivo

Un ano máis vense de presentar o Anuario do Foro Económico de Galicia que combina nun só documento todo o que pretende ser esta institución.  Ao longo das súas case cen páxinas é posible atopar un espazo de reflexión e análise aberto tanto aos membros do Foro como a convidados do mundo empresarial e académico.  Baixo a edición do xornalista, colaborador de La Región, José Luis Gómez e o catedrático Jorge G. Gurriarán combínanse diagnoses conxunturais coa abordaxe de eivas e oportunidades de natureza estrutural da economía e a sociedade galega.  

Grazas ao traballo dos autores, é posible obter trala súa lectura unha visión clara do que é economía galega na actualidade, do que pode ser e, sobre todo, de cómo conseguir mellorala.  Para isto, o primeiro que se facilita é unha identificación clara e indubidable dos principais problemas que nos acechan.  Entre eles, e por riba de todos os demais, a tantas veces mencionada demografía.  A poboación, a xente e, en definitiva, as persoas constitúen un piar clave de todo sistema económico e, no que atinxe ao galego, este é feble.  Trátase esta dunha diagnose compartida de xeito maioritario, mesmo polo propio Presidente da Xunta de Galicia, presente na presentación do Anuario, quen concordou nisto e amosou a súa fonda preocupación polo tema.

Pero non é a poboación o único ámbito sobre o que cómpre actuar, como queda de manifesto na publicación.  Outros aspectos, como a imprescindible mobilización de terras, que permita superar esa maldición endémica do rural galego que é o minifundismo, albíscanse imprescindible.  Asemade, a innovación empresarial e o apoio ao emprendemento resultan cada día máis decisivos nunha sociedade desenvolvida, onde a internacionalización e xa unha realidade en moitos e moi variados sectores da nosa economía.  

É aquí onde aparece outro trazo “maldito” do noso tecido empresarial como é o tamaño.  Cando se quere competir en termos de competitividade cómpre unha determinada dimensión e, desafortunadamente, hai sectores que están moi lonxe de acadala.  Será por esa tradición minifundista antes mencionada ou porque aínda non se ten sido quen de amosar as súas vantaxes, pero canto máis se tarde en facer ver a necesidade de ter empresas grandes, máis tempo se estará perdendo.

Finalmente, xorde unha necesidade que está chamada a ser unha realidade para as administracións públicas da seguinte década.  Os grandes investimentos públicos non poden ser tomados por criterios arbitrarios e, especialmente, non poder ser realizados sen ningún tipo  de avaliación e valoración posterior.  No acto de presentación do Anuario, Santiago Lago, como director do Foro Económico lanzou a luva e a moi nutrida e variada representación política alí presente seguro tomou boa nota.  Hai que aprender de erros previos e a crise evidenciou unha oportunidade sobre o particular.  Galicia pode e debe xogar un papel saliente nesta materia como o ten xogado noutros eidos da administración publica estatal.

Te puede interesar