Opinión

Galicia internacionalizada

A semana pasada publicáronse os datos do Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) do Foro Económico que recolle a actividade exportadora de Galicia no primeiro trimestre de 2018. Estes deben ser cualificados como sobresaíntes reflectindo unha das incuestionables fortalezas da economía galega actual: a súa internacionalización. 

Tanto que se fala de crise económica, convén lembrar que non todos os cambios producidos son necesariamente malos e así, por exemplo, esta crecente apertura cara ao exterior nos últimos dez anos tanto das exportacións como das empresas exportadoras é boa proba disto. O Baexga constata esta circunstancia e permite adiviñar que constituirá algo estrutural da economía galega para os próximos anos.

O balance exportador para o primeiro trimestre do ano amosa un desempeño moi positivo.  Nomeadamente, no primeiro trimestre Galicia cuadriplicou o dinamismo exportador do conxunto de España e triplicou o da Unión Europea, superando a economías como a alemá, a xaponesa ou a norteamericana.  Certamente uns fitos que permiten situar ao comercio exterior galego a unha escala internacional moi competitiva con todas a vantaxes que isto supón.

Afondando un pouco máis na información achegada, pódese comprobar como este intenso dinamismo exportador está a descansar, sobre todo, nos mercados intra-europeos, así como en empresas que veñen sendo exportadoras con regularidade.  Con probabilidade aquí resida un dos puntos febles do noso comercio exterior, en tanto e canto a diversificación territorial é escasa, non sendo quen, polo de agora de abranguer mercados considerados como emerxentes.  A ninguén se lle escapa que o mundo está a cambiar rapidamente e que, por exemplo, mercados como o chino que antes eran case que “exóticos” agora teñen unha clara prominencia.

No que atinxe aos sectores, hai que destacar que o desempeño exportador da confección é sobresaínte medrando a taxas que duplican ao total galego e que triplican o crecemento exportador do sector en España. En concreto, o crecemento cara a Unión Europea foi de case o 30%.  Pola súa banda,  o sector galego da automoción comeza o ano 2018 cun cambio radical de tendencia exportadora, cuadriplicando o ritmo exportador do sector en España. 

Finalmente, polo que se refire ao lado máis negativo, este ven polo lado da evolución das empresas exportadoras xa que, neste primeiro trimestre, menos de 1 de cada 100 novas empresas exportadoras españolas foi galega.  Quere isto dicir que se ben o desempeño exportador galego é notable, este concéntrase nun reducido número de empresas ao tempo que outras aínda non teñen virado cara a unha necesaria internacionalización da súa actividade.  Aí reside outro importante reto ao que facer fronte non vindeiros anos: aumentar o número de empresas galegas que exportan.

Te puede interesar