Opinión

As tres Galicias

Desafíos dunha sociedade avellentada” é o título do novo documento do Foro Económico de Galicia.  Este traballo presentado a semana pasada, dispoñible de xeito gratuíto na súa web, trata dun tema que non pode estar máis de actualidade.  De feito, é recorrente xa o tratamento desta problemática en diferentes eidos (sobre todo nos últimos anos) motivado polo sinxelo feito de que nos estamos a converter nunha sociedade de vellos.  

Esta avellentamento da sociedade, e tamén da economía galega, ten un efecto inmediato nos desequilibrios territoriais os cales se traducen na maneira en que se prestan os servizos públicos á poboación.  Os autores, Melchor Fernández e David Peón, repasan no texto a situación actual, a súa evolución recente e propoñen medidas cara a potenciar a economía e o benestar xeral.  Recomendo pois a súa lectura, como xa o fixo hai uns días neste mesmo xornal Benito Iglesias quen apuntaba que un de cada catro fogares galegos ten dificultades de acceso a servizos básicos, fronte ao que acontece a escala nacional:  23,6% de Galicia fronte ao 9,8% de España. 

En todo caso, e se tivera que quedarme cunha soa das cuestións sinaladas no documento é da ruptura que se establece da tradicional concepción territorial que todos nós temos de Galicia.  En concreto, a dicotomía tradicional entre a Galicia costeira e a interior vese rachada na diagnose feita e o seu posterior tratamento cando se fala nitidamente de tres Galicias territorialmente diferenciadas: O Eixo Atlántico, a Galicia Central e a Alta Montaña.  As dúas primeiras corresponderíanse coas tradicionais costa e interior pero é na terceira onde se fai as recomendacións que eu entendo poden ter maior interese.

Dada a súa condición de fonte de riqueza desta zona cómpre unha responsabilidade de toda a sociedade na súa xestión patrimonial, natural e ambiental.  Mesmo en moitos casos a súa contribución á marca de país resulta indubidable como así acontece noutros territorios semellantes en Europa.  Sen embargo, son estas as zonas de Galicia claramente máis avellentadas e, ao tempo, afastadas dos territorios máis puxantes (hai que pensar en dúas horas de traxecto, o cal en termos de mobilidade é moito).  

Por todo iso, a recomendación que se achega no documento para esta zona coido resulta de interese, cando menos, como punto de partida para unha reflexión.  A aposta que se recolle é pola xestión directa dos concellos de alta montaña (ou parte deles) pola Xunta de Galicia.  Resulta evidente que non se lle pode pedir ás institucións municipais ou comarcais desta zona unha xestión que abrangue máis aló das súas competencias.  Se queremos apostar por un turismo de alta montaña ou unha ordenación do territorio planificada “dende arriba” a situación actual non o permite.  Trátase logo de decidir ben cales son os obxectivos a acadar e por os medios para a súa consecución.  A tarefa é do todos.

Te puede interesar