Nun intre no tanto se está falando de como se está a producir a saída da crise, bótase en falla unha atención aos aspectos máis cualitativos desta saída e non tanto aos meramente cualitativos. Dito doutro xeito: de nada serve crecer a porcentaxes elevadas se este crecemento non se produce consolidando unha base robusta sobre a que se sustentar no futuro.

É este o caso da desigualdade, a pobreza e a exclusión social que fan referencia a un dos piares básicos do crecemento económico. Non se está a falar aquí só dunha cuestión social senón dun claro condicionante económico posto que unha maior igualdade axuda a soster o crecemento dunha economía. Esta circunstancia é posta de manifesto polos diferentes organismos internacionais con competencia na materia (Fondo Monetario Internacional, Nacións Unidas ou OCDE) en recentes informes. 

Nomeadamente, o último traballo do FMI incide no feito de que a desigualdade lastra o progreso en saúde e educación, ocasiona inestabilidade política e tende a reducir o ritmo e a duración do crecemento. Asemade, a ONU salienta no seu Informe de Desenvolvemento Humano 2014 que a desigualdade nos ingresos creceu en varias rexións, mesmo nos países cun desenvolvemento humano moi alto. Finalmente, a OCDE no seu informe de xuño evidencia un claro desacoplamento entre ambas magnitudes, ao tempo que alerta da situación de determinados países (entre os que menciona a España). 

Deste xeito, desbótanse teorías económicas clásicas segundo as cales a distribución da renda articulábase en torno á denominada “curva de Kuznets” diferenciando dous períodos na concentración da renda que xustificaban a necesidade da existencia dun certo grao de desigualdade. Ao contrario, e seguindo as teorías de prestixiosos economistas como Piketty ou Krugman, a redistribución resulta favorable para a economía xa que a menor desigualdade e pobreza dun territorio maior será a súa capacidade de crecemento.

É por isto que a análise destas problemáticas debe estar presente (e moito) cando se analiza o xeito en que se está a saír da crise económica. Ao falarmos de “raíces robustas” de crecemento habería que ser conscientes da necesidade de incluír dun xeito preferente a consideración das bolsas de pobreza e poboación en risco de exclusión. Actuacións e medidas como a renda básica ou claras políticas activas deberían, cando menos, ser consideradas. Na medida que se dean situacións de vulnerabilidade estaranse agochando lastres que non tardarán en dificultar o crecemento e recuperación económica.