Opinión

Leccións para saír da crise no 2017

Que a crise económica semella ter pasado é un dato que os grandes números macro evidencian case sen matices. Estamos a falar de cifras de crecemento sostibles na nosa economía, así como de un mercado laboral en clara recuperación.  A tendencia positiva está piques de alcanzar os oito trimestres consecutivos, isto é, dous anos que unha referencia temporal sempre a considerar na análise económica.

Chegados a este punto xorden cuestións sobre as que cómpre reflexionar, sobre todo, botando a vista atrás cara intres no tan lonxanos.  Nesta procura de leccións, o Informe de Conxuntura elaborado polo Foro Económico de Galicia proporciónanos, coma sempre dende o seu nacemento hai case tres anos, unha valiosa axuda.   Da súa última presentación a semana pasada é posible concretar tres aspectos que veñen a matizar esa contorna positiva de recuperación na que se enmarca a economía galega.  Nomeadamente estamos a falar da produtividade, o capital das empresas e o fenómeno da deslocalización. 

A comparación entre a produtividade das empresas galegas fronte á media do conxunto do Estado ofrece unha visión negativa.  Son oito puntos os que se sitúa por baixo da media española sendo, ademais, máis baixa onde máis se está crecendo e especialmente reducida na industria manufactureira, co cal a situación vese agravada en canto ás perspectivas. 

Unha segunda reflexión vén dada cando se atende á dimensión do capital empresarial posto que, malia a crecer en número de empresas constituídas, o capital desembolsado é moi baixo en termos comparativos.  En concreto, estase a falar dun terzo da media española ao apenas superar os 30.000 euros o que configura un panorama con novas empresas de moi reducida dimensión.

Finalmente, a marcha de actividades empresariais e, mesmo, empresas enteiras cara outro territorios continúa a se incrementar.  Cabe aquí falar do Norte de Portugal que con agresivas políticas de prezos, rebaixas de impostos e flexibilizacións laborais estase a se converter nunha auténtica ameaza para sectores de fonda tradición no contexto galego.

Ante este panorama, cales debes ser os alicerces fundamentais do noso desenvolvemento económico?  Pois novamente o Informe de Conxuntura do Foro dá a chave sobre os dous piares sobre o que se debería apostar.  En primeiro lugar, resulta imprescindible que as empresas aumenten o seu tamaño superando un minifundismo (neste caso empresarial) que impide que as políticas industriais sexan eficaces e que se poidan aplicar economías de escala.  De xeito complementario, hoxe en día non é posible entender o progreso sen o compoñente tecnolóxico.  Aquí bastaría con mirar ao que están facendo determinados sectores (o conserveiro sería un bo exemplo) para ter a mellor referencia sobre o que se debe facer. 

2017 será, pois, un ano de retos.  Todo indica que seguiremos a crecer e confiemos que con maior intensidade.  Sen embargo, en tanto e canto as cuestións sinalas non sexan contempladas, os avances se verán matizados. 

Te puede interesar