Opinión

Máis aló do Rallye

O pasado martes celebrouse unha nova edición do Foro La Región adicado, nesta ocasión, ao Rallye de Ourense. A piques de celebrar o seu cincuenta aniversario, esta proba constitúe o principal evento deportivo da provincia. Convén sinalar que, máis aló da súa repercusión no mundo do motor nacional e internacional, a súa celebración supón un impacto económico na nosa contorna. 
De feito, a medición deste impacto resulta un aspecto cada vez máis importante para todos os axentes implicados: dende organizadores e patrocinadores ata administración pública e sociedade en xeral. 

Por este motivo, dende o Máster en Xestión Empresarial do Deporte do Campus de Ourense procedeuse á súa cuantificación nas últimas edicións das que os seus resultados foron presentados ao público asistente no Foro. Ademais para todas aquelas persoas que non puideron acudir, están á súa disposición na páxina web da Escudería Ourense. 

Facendo un exercicio de resumo cabería concretar en catro as principais conclusións que poderían ser extraídas. A primeira delas é a continuidade e estabilidade do Rallye na xeración dun impacto económico directo o cal rolda o millón de euros durante a fin de semana da súa celebración. O feito de ter realizado o estudo durante tres edicións consecutivas con resultados homoxéneos permite realizar esta afirmación. 

Outro aspecto importante reside no feito de que, dado o nivel de detalle na información manexada, é posible identificar os sectores económicos máis beneficiados economicamente, destacando aquí o turístico, é dicir, hostalería e restauración. 

No que se refire ao eido público, convén salientar que, por cada euro que invisten a administracións públicas, o retorno vese multiplicado por dez. Certamente trátase dunha rendibilidade do investimento público que é importante ter presente cando se fala dun evento desta dimensión. 

Finalmente, como cuarta conclusión hai que facer fincapé en que as cifras presentadas deberían ser entendidas como algo máis que números. Cando menos, cabería contemplalas como unha ferramenta de creación de valor. Nomeadamente, axúdanos a afondar naqueles aspectos que permiten incrementar o impacto da proba, así como o de calquera outro evento a celebrar na cidade ou na provincia.

Así pois, o Rallye xa é algo máis que un evento deportivo. Por tradición, por sentimento, por repercusión deportiva, por imaxe de marca de Ourense, por referente internacional, e tamén, polo seu impacto económico non é arriscado dicir que nos atopamos ante algo do que os ourensáns nos podemos sentir orgullosos. O ano que ven, cando se celebren as súas vodas de ouro, cómpre celebralo como se merece.

Te puede interesar