Opinión

O momento do turismo rural

O turismo rural constituíu o eixo sobre o que xirou a Xornada Rural Casal de Armán organizada polo Foro Económico de Galicia deste ano. A escolla deste tema non puido estar máis acaída ao se tratar dun sector con claras potencialidades para o desenvolvemento económico do territorio e, ao tempo, sobre o que é posible aprender de experiencias recentes.

Resulta de todos coñecidos a explosión deste tipo de iniciativas na década dos noventa que trouxo consigo salientables mudas en determinadas zonas rurais. Semellaba que estaba chamado a se converter na táboa de salvación de moitos negocios e empresas. Pasadas máis de dúas décadas, a realidade é diferente, convivindo casos de éxito dignos de estudo con experiencias claramente erradas. En todo caso, se algo ficou claro nas Xornadas é que se as cousas son feitas de xeito razoable, o turismo rural segue sendo unha ferramenta fundamental en materia económica (e mesmo social).

É aquí onde se atopan os auténticos desafíos e retos que deben propiciar unha acción conxunta da iniciativa pública e privada en col do deseño de estratexias e plans de actuación para o turismo rural galego. Xa que logo, se algo está claro é que de nada serven accións promovidas exclusivamente por unha parte sen o apoio da outra. Cómpre ir dan man: as empresas levando a iniciativa posto que eles serán os primeiros beneficiados, e a administración servindo de apoio, soporte e facilitador. Estes aspectos foron mencionados frecuentemente polos alí presentes e o consenso na súa necesidade foi constatable. De maneira inmediata, cales serían as principais necesidades para as 600 casas de turismo rural galegas e as súas máis de 7.000 prazas ofertadas? Segundo os expertos alí presentes urxe unha racionalización do sector que permita incrementar as cifras de ocupación que na actualidade roldan o 25%. Neste senso o primeiro reto á vista ten que ver coa xestión. Nomeadamente precísanse máis “empresarios” no estrito senso do termo e non só “propietarios” que é o que temos na actualidade e máis das tres cartas partes dos negocios. 

Con esta finalidade xorden ideas como a especialización ou a segmentación que permitan o deseño dun produto integral como os que xa temos referentes na nosa contorna máis inmediata. Igualmente, a formación debe ser parte preferente do tecido sectorial. así como outros aspectos como a consideración do concepto de sostenibilidade non só económica, senón tamén ambiental e social. Todo isto acompañado por un apoio lexislativo que non ten que ser necesariamente complexo en moitos casos. Así por exemplo, a categorización dos establecementos (de xeito semellante ao que teñen os hoteis) sería unha medida que debería estar na axenda dos responsables políticos.

En definitiva, podemos dicir que o vaso está medio cheo e, a pouco que se faga entre todos, non sería moi difícil enchelo. A cuestión está, como sempre nestes casos, en saber quen se encarga de coller a xerra para botar a auga.

Te puede interesar