Opinión

O ocaso da conselleira


A política é un sitio difícil onde, en ocasións, as persoas non son tratadas xustamente. Non é este o caso da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, outrora estrela emerxente da formación nacionalista, quen está a vivir momentos moi baixos gañados a pulso.


A súa irrupción na escena galega coincidiu co nacemento do Goberno bipartito. Eran moitas as esperanzas depositadas nela, chegándose mesmo a considerar como a herdeira de Quintana. Contaba con certa experiencia (municipal e de partido) e tiña unha indubidable imaxe mediática que a fixo o centro de atención da prensa.


Sen embargo, fronte ao acontecido cos seus compañeiros de partido na Xunta, a súa xestión desenvolveuse de máis a menos. De feito, hoxe por hoxe non resulta arriscado afirmar que ten sido a peor dirixente política ao fronte da cultura galega.


Así, facendo un breve resumo: cales serían os principais erros cometidos pola señora Bugallo? Atreveríame a concretalos en tres.


En primeiro lugar está o proxecto político amosado o cal chocou dun xeito salientable con outras liñas do goberno. De feito, os procesos de privatización emprendidos levantaron moitas ampolas internas.


Seguidamente, consecuencia dun exceso de protagonismo persoal, descoidou a súa equipa de colaboradores, contando con xente non preparada para o posto. O recente cese do seu número dous, en case campaña electoral, é o mellor exemplo desta situación (ao tempo que fraco favor lle fai ao seu partido).


Como conclusión, cómpre lamentar a súa política de xestos. Ben é certo que Cidade da Cultura non foi decisión súa, pero si o é a súa xestión posterior que deixa tanto que desexar como a propia idea da súa construción. E, que dicir do escándalo das ‘facturas cubanas’? De seguro, non foi decisión súa pero si e súa a responsabilidade de non ter collido o touro polos cornos a tempo.


En definitiva, neste caso si, non se poderá dicir que a súa actuación non sexa a responsable do seu ocaso.



Te puede interesar