Opinión

Unha ollada o mercado laboral

Arecente información sobre o mercado laboral en Galicia contén numerosos datos aos que convén botar unha ollada con certo detemento. Este é un dos propósitos do Informe de Conxuntura do Foro Económico de Galicia xa dispoñible na súa web que axuda á “dixestión” das novas publicadas, así como das moitas declaracións dos responsables na materia.

O primeiro que cómpre salientar das cifras fornecidas polos diferentes organismos oficiais é un claro optimismo sobre a evolución experimentada na Comunidade. Trátanse de bos datos que están a reflectir unha evolución favorable do emprego. Nomeadamente poderían concretarse os bos síntomas nos seguintes indicadores: ocupación, desemprego e situación dos fogares.

En canto á poboación ocupada, tanto a Seguridade Social como a EPA constatan un incremento interanual en torno ao punto porcentual que aproxima o número de ocupados galegos ao millón de persoas. Pola súa banda, o paro tamén amosou unha evolución favorable cifrada nunha porcentaxe interanual do 7% (unhas 21.000 persoas). É neste eido onde podemos atopar un dos sinais de esperanza porque, por primeira vez dende que comezou a crise, o descenso nas taxas de desemprego produciuse en tódalas franxas de idade. Finalmente, a situación global dos fogares ten mellorado se atendemos a evolución favorable do número de fogares onde todos os seus membros están ocupados. Xa son máis de 500.000 as familias galegas nesta situación, recuperando niveis de anos anteriores. Igualmente os fogares onde todos os seus membros están en paro situáronse por baixo dos 100.000, que constitúe un limiar psicolóxico e que tiñamos acadado en trimestres pasados.

Ata aquí as boas novas, e como cada vez resulta máis cotián na análise económica, é preciso establecer unha serie de matizacións que supoñen un claro lastre as cifras positivas comentadas. Estes matices teñen que ver con tres aspectos. O primeiro ven dado pola evolución da poboación activa que continúa a crecer na nosa Comunidade, dificultado as análises conxunturais e incidindo especialmente sobre a poboación moza (de 25 a 39 anos). O segundo punto a sinalar negativamente é a situación dun segmento de poboación especialmente vulnerable como son os parados de moi longa duración (máis de 2 anos desempregados) que continúan a medrar. E, finalmente, xorden as dúbidas en canto se realizan comparacións autonómicas e se comproba que as dinámicas doutras comunidades (especialmente as nosas veciñas do norte) son máis favorables que a galega.

En definitiva, una panorama de luces e sombras do mercado laboral galego que se enfronta a un ano crucial para saber como e en que medida se ten asentado a recuperación económica. É certo que mellora a situación do emprego en Galicia pero se trata de acadar o pulo necesario para acompasarse ao ritmo dos nosos veciños autonómicos.
 

Te puede interesar