Opinión

Optimismo con incertidumbres

O terceiro Informe de Conxuntura Económica presentado polo Foro Económico de Galicia (dispoñible na súa páxina web: www.foroeconomicodegalicia.es) pon de manifesto como no ano 2013 a economía galega comezou a saír da súa segunda recesión. Sen embargo, esta nova da recuperación ten o contraluz que se está a producir dun xeito considerablemente máis feble que no conxunto do Estado. 

Este feito xa de por si é preocupante, e máis aínda cando se consideran outras dúas circunstancias. A primeira delas é que a comparación co acontecido en 2010 (a primeira saída desta tendencia en “W” que estamos a experimentar) amosa como a situación era a contraria, cando Galicia crecía máis que España. Ademais a contorna internacional pódese cualificar como adversa á vista dos últimos datos da Unión Europea, que non hai que esquecer constitúe o principal destino das nosas exportacións. Todo isto leva a concluír nun “optimismo con incertidumes” que resume as dúbidas existentes sobre a rapidez e a solidez da saída da crise da economía galega.

Se afondamos un pouco máis que agochan estes datos podemos observar como o principal lastre desta recuperación atópase na contribución da demanda interna e, especificamente do consumo privado (o cal cae un 1,4% en Galicia fronte ao crecemento do 2,4 estatal durante o segundo trimestre do ano pasado). Se a isto se une o feito de que algo semellante acontece co investimento (-1,8% fronte a 1,2%) a diagnose semella bastante clara e explica porqué dos sectores económicos o que máis prexudicado sae é o industrial. 

Así pois, menos mal que nos quedan as exportacións que seguen a dar o seu “do de peito” para sustentar o crecemento económico posto de que non ter un comportamento favorable estaríamos a falar dunha situación moi distinta e preocupante. En todo caso, esas incertidumes sinaladas deben servir como sinal de alarma e incentivar actuacións de estímulo do consumo e a inversión. De non ser así, ese desacoplamento nos ritmos de crecemento continuarían a se incrementar.

Asemade, neste mesmo Informe recóllese unha análise da situación da desigualdade e a pobreza na nosa Comunidade. Tamén aquí a tendencia recente (sobre todo no tocante á existencia de bolsas de pobreza) alerta dun problema que os “pilotos” que nos conducen deberían ter presente. De nada serve conseguir crecemento económico se este non se fai nunhas condicións mínimas en termos de desigualdade da súa poboación. A situacións de exclusión social e vulnerabilidade rachan cun dos piares básicos dun desenvolvemento sustentable ao cal non pode renunciar a nosa Comunidade.

Te puede interesar