Opinión

Optimismo moderado

O Anuario 2016 do Foro Económico de Galicia presentado a pasada semana está chamado a se converter nun referente para entender e comprender o futuro inmediato que nos agarda.  Esta publicación reúne en 14 análises de economistas e políticos galegos unha axenda común de propostas para reposicionar a nosa contorna socioeconómica.  Como é habitual o traballo está dispoñible de xeito gratuíto na páxina web do Foro e dende aí calquera persoa interesada pode achegarse ás diferentes diagnoses realizadas así como as solucións propostas.

Non é posible aquí facer un resumo da totalidade da obra posto que son moitos e moi variados os aspectos tratados.  En todo caso, recomendo a lectura do artigo de José Luis Gómez este domingo nestas mesmas páxinas de La Región quen, como un dos editores do Anuario, bosquexa perfectamente as súas liñas fundamentais e máis salientables.  

Dito isto, o que convén facer e extraer dúas conclusións que entendo permiten entender a esencia xeral de toda a obra.  A primeira delas é que o ano 2015 permite situarnos nun “optimismo moderado” en canto á situación da economía galega.  Esta combinación de verbas permite contrastar unha innegable evolución favorable dos principais indicadores macroeconómicos galegos xunto cunha serie de condicionantes ou matizacións que fan que os diferenciais coa nosa contorna se atopen lonxe da necesaria converxencia en termos económicos.

Unha segunda conclusión sería preguntarse que é preciso facer para corrixir estes aspectos. Das liñas do Anuario resulta doado extraer unha serie de puntos que, a xeito de consellos, permiten debuxar a política económica a implementar medio prazo.  Primeiramente, no que ten que ver co entorno macro, sería preciso traballar no que a competitividade se refire.  Para isto, tanto a internacionalización como a produtividade deberían ser os piares fundamentais procurando a presenza nos mercados tradicionais e tamén nos cada vez máis importantes emerxentes aos que a economía galega non pode estar allea.

Seguidamente, en canto ao entorno micro e sectorial albíscanse unha serie de actividades sobre as que cómpre incidir para unha maior valorización dos seus procesos económicos.  Entre estas destaca con forza todo o relacionado cos recursos naturais, así como o sector industrial (seriamente danado nalgúns casos por deslocalizacións e perdas de competitividade tecnolóxica).  Igualmente, todo o relativo a innovación debería ser obxecto de atención prioritario.

Para finalizar, estes dous entornos deberían estar acompañados por aspectos institucionais entre os que se destacan as políticas de control do gasto público, do financiamento autonómico e dun novo posicionamento externo de Galicia a través de estratexias de marca-pais.  En definitiva, urxe traballar en col da construción dun espazo atractivo que fagan da nosa economía un territorio que combine calidade de vida, benestar social e tratamento favorable ao tecido empresarial.  É moito o que nos xogamos e paga a pena deterse un chisco a repensar todas estas cuestións sinaladas polo Foro.

Te puede interesar