Opinión

O predilecto de Amoeiro

Antón Pulido é un dos máis grandes artistas galegos vivos. Se fose doutro lugar estaría xa farto de recoñecementos pero resulta que é ourensán, concretamente de Bóveda, e xa se sabe que é difícil ser profeta na terra de un. Sen embargo, o seu concello, Amoeiro, vén de facer xustiza e nomear a Pulido fillo predilecto da vila. Deste xeito, por acordo unánime da corporación local, o pobo rende homenaxe ao seu artista e dá a coñecer á sociedade non só a súa prolífica obra senón tamén que é un dos seus. O acto, celebrado no impresionante Pazo de Trasalba, que fora morada doutro ilustre ourensán, Otero Pedrayo, non puido ser máis emotivo. Alí estaba toda a clase política, boa representación da cultura galega e, sobre todo, os seus amigos que son moitos. Todos eles celebraron con el esa xornada que, como ben dixo o propio Pulido, foi un dos ‘actos máis fermosos e inesperados que che poden acontecer’.


Sería difícil salientar ou resumir todo o que alí se dixo: moitas verbas agarimosas, moitas lembranzas e, por que non dicilo, moitos proxectos. Unha celebración como esta non podía ter outra cousa que non foran presentadores de luxo e, certamente, si que os tivo. Suso Ferro e Xosé Mª Palmeiro despregaron todo o seu bo facer para engrandecer o evento. E para rematar, outro pequeno gran luxo: a actuación do grupo vigués Os Caramuxos que, como non podía ser doutro xeito, interpretaron unha composición que o fillo de Pulido compuxo sobre Amoeiro.


Benvidas as celebracións coma esta que recoñecen (en vida) a labor das nosas xentes, dos nosos artistas. Os meus parabéns ao Concello por esta iniciativa de poñer ás persoas, á cultura e aos méritos por diante da política. E sirvan estas curtas liñas para expresar a miña admiración a este grande artista e, así, unirme a tantos eloxios ditos a pasada fin de semana.



Te puede interesar