Opinión

Volta ao cole: economía e máis

Setembro e a coñecida como “volta ao cole” é un intre onde as familias sofren unha realidade que, cando menos dende o punto de vista económico, merecen algunhas reflexións.  Todas elas teñen que ver co feito de que dá a impresión de que pouco se ten avanzando e que é moito o que se podería facer.  Os gastos en libros e material escolar incrementan ano a ano, cando hai motivos, razóns e medios que farían posible e doado que a tendencia fose xustamente a contraria.  Neste senso, as responsabilidades son compartidas e, probablemente, este sexa o principal motivo polo que nos atopemos nunha situación semellante á de hai unha ou dúas décadas.

En primeiro lugar, cómpre citar a responsabilidade dos centros educativos que deberían facer unha revisión do que se lle esixe ás familias para comprar a comezo de curso tendo presente un aspecto tan importante como as economías das familias.  Concreto un pouco máis, a xeito de exemplo, ao que aquí me refiro.  Hoxe en día, os recursos docentes van máis aló dos tradicionais libros en papel.  Sen ir máis lonxe, a rede está repleta de portais, plataformas ou páxinas webs (moitas delas gratuítas) que poderían suplir, mesmo mellorar, os carísimos libros de texto.  En canto ao material escolar, tamén unha revisión do que se lle pide ao alumnado podería axudar moito ás familias considerando cuestións tais como a reciclaxe e, sobre todo, pedindo este material de maneira escalonada ao longo do curso segundo ás necesidades, e non todas ao principio do mesmo.  Mención aparte merece todo o relativo á vestimenta dos rapaces (chandal colexial e uniforme no seu caso).  O primeiro que se podía valorar é a necesidade de centralizar esta venda nun só punto, co conseguinte monopolio que supón isto.  Pero aceptado isto, hai que pensar que o téxtil é o sector onde maiores reducións de custos se teñen producido ultimamente coa conseguinte tradución nas prendas que todos mercamos no noso día.  Chama moito a atención que no referente ás prendas dos colexios non aconteza algo semellante.  

Sen embargo, non é todo responsabilidade dos colexios e os seus responsables.  Pais e nais xogan un papel moi relevante no que atinxe á educación dos seus fillos.  Máis aínda, resulta innegable que teñen á súa disposición ferramentas de representación nos órganos colexiais, onde cuestións como as aquí sinaladas deberían ser obxecto de atención preferente.  Moito me temo polo que eu coñezo, que todos estes comentarios quedan limitados a conversas e charlas ou aos famosos “grupos de whatssapp”.  Débese ter claro que, en tanto e canto non se evidencie dunha maneira máis formal que isto é unha preocupación da comunidade educativa, os avances que produzan nesta materia serán cativos ou inexistentes.

Así pois, temos todo un curso por diante para actuar nesta materia.  Cada un que colla a responsabilidade que lle corresponde e confío que xusto dentro dun ano cando voltemos a estar falando deste tema, o fagamos de xeito optimista. Bo comezo de curso!

Te puede interesar