Opinión

Fornelos da Cova de Mouros

Nada de cousas pesadas e só elementos imprescindibles. Fíxose evidente a necesidade dunhas boas lanternas. Equipámonos con aquelas tan socorridas para técnicos, que fan que a luz se proxecte dende a fronte, evitando así que se perda a oportunidade de conservar ceibes as mans. No tema das cordadas era un especialista Cándido, que se encargou de adquirir a mellor corda estática de nailon para alta resistencia, a polea Partner, o freo de corda…en fin canto creu conveniente.

Unha vez que estabamos a atravesar San Mamede decateime de que Xulia levaba unhas zapatillas moi pouco apropiadas xa que o seu piso era liso. Deixaba moito que desexar o seu material porque parecía unha lona fina de pouca consistencia. A punto estiven de explicarllo, pero calei debido a que, as botas que lle recomendaría levábaas colgadas da mochila. A mínima luz dos farois ás cinco da mañá tíñame ofuscado.

Pasamos o vello muíño. O frío facíase máis que notable xa que non en balde era un mes de maio fresco en grao sumo. Gonzalo rosmou non sei que de mal camiño, xa que tropezaba con frecuencia no que chamaba fochancas e que só eran fendas e terrons espallados. Notei a respiración excesiva de Paula e diso colexín que o grupo marchaba a bo ritmo e con entusiasmo.

Xa moi pronto, ao saír daquela senda penetrámonos en Fornelos pola quella da igrexa. Un par de cans que nos parecían xigantes polo medo que nos daban puxéronse a darnos voces e unha chea das súas conxéneres imitáronlles en ladridos de todo tipo, montando un barullo monumental. Adoita ser típico que uns a outros se pasen a consígna. As mozas asustáronse máis que nós mentres blandían os bastóns. Recoñecín a un e chameille polo seu nome. Coma se fose maxia fóronse calando á vez que se volvían a apagar as luces nalgunhas das xanelas interesadas no rebumbio.

Cumprimos o acordado e subimos por outra rúa algo ingrata polo custosa, pero así evitamos pasar á beira da casa dos meus avós, non sexa que nos prohibisen aquela tolemia de excursión científica. Camiñamos sobre unha hora e fómonos alegrando cada vez máis xa que o sol temperán do albor púxose a ensinarnos o seu pequeno nariz, cada vez máis amarelo.

A viña losqueábanos dulcemente coas súas follas recentes e acariñábanos cos pámpanos tenros e húmidos da mañá. Ao fin!

Retiramos aquela protección e a sima abriuse diante dos nosos ollos algo máis negra do que supoñiamos. Aquel croio que deixamos caer na súa boca non deixaba de rolar. De cando en vez estarricábase e ralbaba sin poder deterse, mentras dende fora estabamos a oir o seu “blum, blum, blum”.

Non vou contarlles como fomos descolgándonos e baixando ata aquela pedra arenisca e vermella, que nos acollía a propósito de que, durante séculos, posiblemente, ninguén o tiña feito.

E non o farei, porque nese instante sublime, coma se fose o trasgo do bosque, xurdiu detrás dunha xesta negral o meu impertinente avó: “Onde pensan ir os señores?” Quedamos tesos. Balbuceamos non sei que. Supoñiamos a maior rifa do século, pero só sorriu. Aqueles seis rapaces comemos todo o seu pan negro mollado naquel tazón con leite quente da Garbosa.

Non vimos os “mouros” da cova. Pero tivemos claro que a curiosidade é un kit esencial para afrontar con éxito a propia vida

Te puede interesar