Opinión

O edificio da Chevrolet no Paseo

Poderíase afirmar sen dúbida que durante un longo periodo da historia, este orixinal, ata se podería definir como estraño edificio, estivo situado no mesmo centro da cidade. Con todo, non son moitas as probas fotográficas que temos da súa existencia, e en canto ás escritas non me atrevo a citalas, porque son prácticamente inexistentes. Para mín ese é motivo máis que suficiente para intentar pescudar a traxectoria deste edificio.

Non, non se trata dun anuncio publicitario, aínda que moi ben podería selo. Dende logo, conseguir a aliñación de todos estes automóbiles para a fotografía debeulles levar tempo; e agora que o penso, tampouco creo que fose habitual ter tantos Chevrolet no concesionario do Paseo.

Buscando resposta a preguntas que me facedes, púxenme a revisar arquivos, e un día ensineivos a fotografía do Parque de San Lázaro, e hoxe móstrovos esta do xa coñecido edificio Chevrolet, do que pouco a pouco imos coñecendo todas as funcións que realizou ao longo da súa vida.

Foi oficiña de información de "Frentes y Hospitales", papel que desempeñou durante o período bélico, xa apareceu no blog; como sede do coñecido Bazar Pedro, tamén o vimos nalgunha ocasión (anos 50 máis ou menos), e aquí témolo como Garaxe Hispano Americano (foto do ano 1924). Apareceu noutra imaxe polo menos de aproximadamente comezos dos anos trinta, na que por erro meu, situei no seu interior un banco co mesmo nome. Agora sei que nunca se chamou de xeito oficial la "Chevrolet", senón que durante a súa etapa como concesionario e taller automobilístico, sempre foi Garaxe Hispano Americano. Actualmente consideraríaselle un concesionario multi marca, xa que á parte dos Chevrolet, podían adquirirse nel outras marcas como Cadillac, Oakland, Pontiac, Hudson, etc. O tema do nome, como en moitas outras ocasions, foi cousa da decisión popular, gustou máis chamalo así, dende logo sonaba máis "chic".

Como pé de foto, á parte de darnos o dato de que o fotógrafo foi don José Pacheco, confírmanos que o Garaxe Hispano Americano distribuía a marca Chevrolet para todo o Noroeste peninsular, polo cal xa sabemos o motivo da presenza de tantas unidades na fotografía, seguro, que acababa de chegar a remesa para a súa distribución.

Te puede interesar