Opinión

A rotonda dos chinos

Empezo a notar que o sol quere asomar por entre a néboa, pero ata agora, esta non deixaba ver un burro a tres pasos. A néboa, por xeral ou case sempre, é fría, e ó ser fría, é algo triste. Aínda que a min sempre me gustaba asubiar baixo a súa espesura. Menos mal que a tristeza da primeira hora da mañá recuou a causa da risa que soltei cando lin un titular deste mesmo xornal: “Cando pasei cara á Xinzo non había rotonda, quen a puxo?” En clara referencia a un accidente de tráfico e en declaracións dun mozo que seica quintuplicaba a taxa de alcohol. Rinme pola ocorrencia do rapaz pero tamén pola asimilación que axiña fixen cos chinos. Si, porque me choutou á memoria a solución de que “ó mellor foron os chinos os que puxeron alí a rotonda”.

A ver, se en dez días foron capaces de construír un hospital para loitar contra o coronavirus; unha rotonda, unha simple rotonda levaríalles facela nun suspiro, nun chiscar de ollo ou no tempo suficiente para que o mozo de Damil bebera ata alucinar. Ai o que fai o alcohol... “vin cousas que vós non creriades: atacar naves en lapas máis alá de Orion. Vin raios C brillar na escuridade cerca da Porta de Tannhäuser. Pero non vin a maldita rotonda de Xinzo. Quen carallo a puxo aí?”. 

Minuto a minuto quere raiar o sol para que un servidor deixe de pensar na rotonda e empezar de verdade a pasar a mañá; ou sexa, collendo un libro de lectura e patear o Toural de Maceda ata que chegue o momento de buscar o xantar na compaña dun rapaz.

Te puede interesar