Opinión

Afección sen intelixencia

Baixo un bonito sol quero pensar nas actitudes do ser humano e tan só as noto atrapadas nunhas nubes tan negras que ameazan tormenta. A climatoloxía da nosa alma está ten un furacán tan forte que, se a liberamos, arrasa por onde pasa. A alma dos afeccionados atléticos, o domingo, estivo máis revolta ca nunca e máis podre, máis corrompida que en ningún outro partido. Un xogador dos seus (porque Griezmann foi dos seus, e moi querido, por certo) quedou crucificado a base de insultos e incluso con desexos de morte. Hai que lembrar que detrás dun insulto axiña asoma unha patada, e detrás desta xa aparece a propia violencia. Esa violencia que nos cega cando nos vemos apoiados pola masa, polo grupo. O ser humano, cando está só, tritúrao a covardía, pero se se sente amparado solta o demo que leva dentro. Os fanáticos do Atlético crucificaron a Antoine Griezmann porque fichara polo Barça. Non tiveron a suficiente intelixencia para pensar que o Atlético de Madrid fichara ó xogador procedente da Real Sociedade. Polos motivos de sempre e de calquera (obreiro, xogador, médico, afeccionado...): a melloría económica no seu traballo. Que lembren que o seu neniño Torres tamén marchou para ganar máis. Agora tócalle actuar á Comisión Antiviolencia. Confío en que o castigo sexa exemplar. Nada de multas pequenas ou de pechar tan só esa grada dos energúmenos. Peche total do campo por varios partidos. Non se pode permitir que un club desa categoría lle desexe a morte a un dos seus.

Te puede interesar