Opinión

En galego, con toda seguridade

Polo ano 2000 distribuíase, nun acto central en Santiago, un libro de 758 páxinas baixo o título “En galego, con toda seguridade”, que recollía manifestacións favorables á normalización da nosa lingua realizadas por un cento de axentes policiais de Galicia. Aquel era o cumio dun proceso de galeguización policial que aglutinaba unha morea de pasos encamiñados á consecución do obxectivo.

Fai uns días lía neste mesmo espazo un artigo de opinión dun intelectual galego que merece todos os meus respetos. Xosé González Martínez, voz autorizada cando se fala de normalización lingüística, foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica entre outras facetas realacionadas ca promoción da lingua galega na Administración e noutros ámbitos. O artigo chamou a niña atención ao titulalo “policías”. A través das suas liñas reflexionaba sobre a subordinación do galego nas relacións entre os integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade e os cidadáns, xustificando esa conclusión na formación recibida polos policías nas academias onde, según a súa versión, incúlcaselles identificar o concepto de autoridade coa supremacía do uso lingüístico do idioma castelán, conculcando o principio legal da cooficialidade lingüística. 

Preto do 95% dos tres mil axentes da Policía Nacional e da Unidade de Policía Adscrita á Xunta de Galicia que prestamos servizo na nosa comunidade somos galegos. Coñecemos e falamos o idioma e non deixamos de empregalo porque recibamos unha ou outra fomación na Escola Nacional de Policía. Aqueles outros compañeiros que prestan servizo en Galicia por circunstancias persoais ou profesionais, a pesar de non ter a obriga de coñecelo, fan o posible por entendelo e, en moitos casos, por falalo adaptándose plenamente ao día a día da actividade operativa e burocrática. Maioritariamente, usamos o galego ou o castelán en función da preferencia da persoa ca que interactuamos, tratando sempre de prestar un servicio de calidade aos cidadáns e procurando transmitir esa cercanía necesaria no trato. Empregar unha lingua ou outra non obedece a outros criterios. 

Sen dúbida, temos a necesidade de seguir avanzando como sociedade e tamén como Corpo. Aí, a implicación de todos os actores é fundamental. E a dos nosos mandos é prioritaria. O futuro da lingua galega, non só depende das Forzas e Corpos de Seguridade. Coido que se supedita dunha forma transcendental á ensinanza que os nosos nenos reciben na escola. Se cadra, sería unha boa medida non impor o uso do galego naquelas materias que, normalmente, máis dificultade e menos interese representan para os cativos.

Te puede interesar