Opinión

A Manada II

José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero, os cinco integrantes do grupo A Manada, acusados de violación múltiple, continúan o seu particular, e merecido, via crucis polo xulgado. Unha vez presentados os vídeos -sete en total- cuxa duración é de 96 segundos, houbo que analizar o informe de 259 páxinas -elaborado polos peritos da policía- sobre os mesmos para valorar a actitude da vítima e determinar se houbo ou non consentimento pola súa parte. Obviamente, tras o visionado, comprobouse que esta ficou pasiva, cos ollos fechados, en estado evidente de shock, como aseguraron os psicólogos, sendo todos os seus movementos guiados polos agresores, que eran os que tiñan o control. 

Mentres tanto, fóra dos xulgados, algunhas persoas do barrio destes cinco indesexábeis amosan o seu apoio e confíanza neles, na súa “presunta inocencia”. Antonio Manuel, por exemplo, membro tamén deste grupo tan “singular” de machos alfa, que non puido asistir ás festas do San Fermín, asegura que “ellos no han hecho nada”, que son inocentes. Inocentes? E, por se isto non bastase, comprobamos que os acusados contan co apoio dalgunhas mulleres. Conste que non nos referimos só a irmá do Prenda, cuxas declaracións foron absolutamente bochornosas, mais a simples amigas. Unha delas di, por exemplo, que José é moi bo tipo. “Conozco a José -asegura-, conmigo siempre se ha portado superbien -contigo, lista, pregúntalle á vítima, a ver que opina...-, jamás ha levantado la mano, ni nunca ha chillado”. Un santo, vaia. Por iso, porque é un santo, colleu a unha rapaza de 18 anos e manoseouna nun portal con catro homes máis, antes da “presunta orxía”. Fíxoo coa mesma man que a ti, infeliz, nunca nunca che levantou. Despois, de seguro, lle berrou algunha grosaría, alén de lle roubar o móbil. O propio dun santo, claro. Esta “chica de la manada”, como Antonio Manuel, acredita nos cinco acusados de vio-la-ción. O argumento empregado? “Conozco a José”. Ben, cantas persoas coñecían, por exemplo, ao “monstro de Moraña”, David Oubel, que asasinou cunha radial as súas fillas Amaya e Candela, de 4 e 9 anos? Moitas. Imaxinou alguén que cometería ese crime? Non. Os maltratadores e os violadores tenden a actuar de xeito violento cando niguén os pode ver. É máis, xa non é a primeira vez que algún veciño, ou veciña, incide niso de que parecía un tipo encantador… 

Encantador? José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero, os cinco integrantes do grupo A Manada, non teñen nada de encantadores. Gravaron unha agresión e burláronse da vítima por un grupo de WhatsApp formado por 21 persoas, Antonio Manuel entre elas, que, pola súa banda, foron incapaces de poñer no seu sitio a este grupo salvaxe e dicirlles que violar é un delito. Nesa conversa, se comentaba, entre outras moitas burradas, que un deles tiña “burundanga” -o nome popular da escopolamina-, para adurmiñar a vítima e lle anular a vontade. A verdade é que ante este tipo de individuos, que desfrutan coas agresións sexuais, faise moi raro que se observe e persiga a vítima. 

Se alguén debería ter detrás un detective é este tipo de xentuza. Non a rapaza violada, que fai o que pode para saír adiante. O foco haino que poñer nos que provocan o dano, que, neste caso, son os “presuntos” violadores, cuxo nome non quero esquecer:  José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero. Tres veces tres. Mil se fai falla.

Te puede interesar