Opinión

A manada

Estes son os nomes dos acusados de violación durante as festas de San Fermín do 2016:  José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza y Antonio Manuel Guerrero. A fiscalía pide para cada un 22 anos e 10 meses de prisión, porque considera que non houbo consentimento de ningún tipo por parte da vítima, algo que, obviamente, eles intentan negar argumentando que ela estaba de acordo na realización dese acto sexual “múltiple”. Segundo a irmá de José Ángel Prenda, eles non violaron a ninguén, unicamente decidiron/pactaron poñer en práctica unha “orxía”. Unha orxía? Tómese boa nota de que nesa “presunta orxía” os homes “participantes” eran todos heterosexuais. Isto significa que, dada esta característica, non consideraron en ningún momento realizar penetración anal entre eles, algo que se pode corroborar nese breve “documental” que gravaron para deixar constancia da “fazaña”, unha “fazaña” que eles mesmos describiron no whatsapp de grupo como unha “puta pasada de viaje”. 

Nesa “viaxe” a  única participante de sexo feminino foi a vítima, que, nese momento, tiña 18 anos. Ela non gravou nada, tampouco non manifestou ledicia de ningún tipo ao respecto desa “presunta orxía” da que fala a irmá de José Ángel Prenda. Todo o contrario, afirma que foi violada por cinco homes. A verdade é que se fai curioso que alguén fale de “orxía” nun caso coma este no que non houbo a máis mínima reciprocidade, porque, o natural sería que eles, en calidade de “participantes” permitisen ser penetrados, non só pola vítima, coa axuda dalgún xoguete sexual, mais por calquera dos outros membros. Se unha orxía é un acto múltiple que busca o pracer do conxunto, o lóxico, ou polo menos o máis habitual, sería estabelecer unha relación entre pares na que o papel activo e pasivo se intercalase. No entanto, nesta “presunta orxía” a cousa non foi así. Que aconteceu entón? Moi simple: cinco tipos penetraron de todas as maneiras posíbeis a unha rapaza, que en ningún momento foi interlocutora de nada, alén de gravar todo e burlarse despois no seu grupo de whatsapp. Chama tamén a atención que a irmá de Prenda -despois de asegurar por activa e por pasiva que o acontecido no San Fermín non foi unha violación senón unha “orxía”-, responda, cando se lle pregunta se sabe doutras actividades deste tipo -outras “orxías”- de seu irmán, que non ten nin idea. “Yo no sé la vida sexual de mi hermano -di rotunda, e continúa-, al igual que él no sabe la mía. Yo no tengo ni idea. Para nada, para nada!”. Sorprendente! Recoñece non ter nin idea da vida sexual de seu irmán, así é que fai constar que non pode aclarar se participaba habitualmente en orxías ou non. Isto de non querer especular parécenos correcto. 

Mellor falar con datos na man. Agora ben, se non pode/quere especular sobre a participación de seu irmán noutras orxías, que non especule tampouco sobre a súa “inocencia”, porque carece de probas que a corroboren. Ata onde sabemos cinco homes levaron a un portal a unha moza de 18 anos. Unha vez alí, as penetracións só tiveron unha única destinataria, ela, que, en ningún momento lles meteu nada a eles. Por nigún sitio. Por se isto non fose suficiente, un dos iluminados decidiu gravar a “orxía” en vídeo, así é que agora, esta “manada de alimañas” terá de facer fronte a esas probas que eles mesmos proporcionaron dunha “orxía”, que, realmente foi unha violación. Saben aquilo de “luego vendrá el llanto y el rechinar de dientes”? Pois esta panda está xusto aí, no medio dese rillar de dentes, con algunha que outra bágoa. Pobriños eles!

Te puede interesar