Opinión

A palabra muda

A artista María Ruído (Xinzo de Limia, 1969) ten falado en varias ocasións da importancia de mudar o imaxinario existente para xerar novas visións e configurar unha sociedade distinta, máis plural e menos rancia. Neste punto, Ruído fixo fincapé nun sector da poboación moi importante para lograr tal cambio de paradigma: a xente máis nova. Ao mencionar a xente nova, sabémolo ben, non nos referimos tanto ao alumnado universitario como ao que desenvolve a súa vida académica en centros de secundaria e primaria. 

Daquela, tendo conta disto, o labor do profesorado nestes espazos educativos é crucial para acadar un obxectivo tan necesario. Por esta razón, propiciar as actividades extraescolares é algo que practicamente ninguén cuestiona. Eis a causa desa preocupación constante por promover a participación da rapazallada nelas, porque se sabe que dese xeito adquiren capacidades expresivas ou artísticas, poño por caso, que derivan dunha nova maneira de mirar o feito estético da que se pode aprender moito. Un bo exemplo disto sería o cinema. Por esa razón, coido eu, ten tanto éxito o OUFF ESCOLA, que onte entregou os premios da súa VIII edición no Auditorio Municipal de Ourense, ao que asistiron aproximadamente 2000 alumnos e alumnas. Este certame, convocado pola Concellaría de Cultura da cidade de Ourense, Normalización Lingüística e o OUFF, en colaboración coa Secretaría General de Política Lingüística, naceu cun obxectivo claro : impulsar o uso do idioma galego. E non só. Tamén intenta fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, alén de fornecer o espírito crítico, sendo este último o máis interesante e ambicioso de todos os fins que se buscan. Seica se presentaron 74 pezas ao concurso, das que se seleccionaron seis gañadoras, tres na modalidade infantil e tres na de ensino non universitario. Nesta última, o I Premio foi para o IES Macías o Namorado, coa curtametraxe titulada  « Verba » -dirixida pola ruesa Cristina de la Torre-. O II premio foi para « Algo pasa en Guitiriz »,  do IES Poeta Díaz Castro e o III para « O rumor » do IES Santiago Basanta Silva. 

Ata aquí todo marabilloso. No entanto, durante o acto de entrega, malia a audacia das actrices que serviron de mantedoras, botáronse en falla unhas palabras de ánimo das autoridades presentes, que, estrañamente, optaron polo silencio. En efecto, a pesar de ser convidadas a falar en varias ocasións polas actrices -algo totalmente innecesario, pois a clase política cando quere ben que se abre paso para facerse escoitar- optaron en todo momento polo silencio. Isto foi bastante curioso, a verdade. Por que non quererían o micro para expresar algo? Farían o propio se, non canto de ser unha gala de premios para adolescentes, fose, por exemplo, a Gala dos Goya, ou a do Festival de San Sebastián ? Pregunto isto, porque teño a « lixeira impresión » de que se os premiados fosen eles, ou ela, veríanse ben felices de botar pola boca todo un ronsel de agradecementos -talvez con bágoas incluídas- para mencionar a colegas e parentes aos/ás lles deben, poño por caso, parte dese hipotético premio. É o espectáculo o que volve arrogante á xente ou simplemente fai visíbel a estupidez que levan de serie ?.  « Quen es ? », preguntaba a eiruga a Alicia, e, ao ela responder co seu nome, o animal repetía, « Quen es ? ». Somos o que facemos, o que non facemos, o que dicimos e o que calamos. Somos ou non somos. O nome, os títulos, unicamente indican que posuímos un coñecemento nunha área concreta. Se esta área avaliada fose a delicadeza ou a humildade, catearían tantas e tantos..

Te puede interesar