Opinión

A plantación

A plantación, o proxecto xestionado por Elisa Pereira, contará con Pedro Costa este verán. Será a finais deste mes. Dende o martes 28, ao domingo 2 de setembro. En total 6 días. Non está nada mal. A verdade é que Elisa Pereira ben merece un aplauso polo labor que realiza como dinamizadora cultural no ámbito da imaxe. Normalmente, cando se fai referencia a Pereira, dise dela que é unha experta no audiovisual, algo que, se ben pode ser certo -non serei eu quen poña en dúbida ese coñecemento- non revela o máis interesante do seu labor, que, ao meu ver, está en relación coa inquietude de seu pola imaxe, que é ben diferente. Neste sentido, creo que o cineasta Víctor Erice apuntou algo moi interesante que recollerei aquí, porque entendo, non só que leva razón ao afirmar que “lo visual no es una imagen”, xa que, como el explica, a condición necesaria “para que haya imagen es la alteridad”, mais porque me permitirá aclarar este asunto. Visual é unha palabra que poderemos asociar, como asegura Erice, coa “verificación de algo puramente técnico; de ahí que aparezca como algo cerrado y autosuficiente”, así é que malia ter a capacidade de amosar algunha cousa, é bo ter presente a condición non durábel diso que amosa, alén do seu carácter anestesiante. Fronte a isto situaremos a imaxe,  esa imaxe que -matiza Erice- “en el cine uno ha amado tanto” e que devén para nós “evocadora, huella de lo perdido, destinada a testimoniar una cierta alteridad”. Traio á colación estas reflexións de Erice por parecerme clarificadoras. Sobre todo se queremos falar dun determinado tipo de cine que, normalmente, non deixa indiferente a ninguén que teña a oportunidade de o ver. Tendo conta de todo isto, penso que Elisa Pereira, alén da súa condición de experta no campo audiovisual, destaca, sobre todo, pola defensa desa imaxe da que fala Víctor Erice. De non ser isto así, non organizaría obradoiros con cineastas como José Luís Guerín, por exemplo, ou Pedro Costa, cuxo traballo dista moito deses contidos audiovisuais recorrentes, obvios e facilmente esquecíbeis. Dicir, polo tanto, que Ourense está de noraboa non sobra. O proxecto que Elisa Pereira presentou no 2014 -e que dende ese ano desenvolve con moito acerto- apoia e respecta este cine tan singular, realizado con imaxes evocadoras, que, como asegura Erice, adoitan poñer o foco na alteridade e suscitan unha reflexión no público, ao colocalo nun lugar diferente do habitual.  Diferente e necesario para ampliar as maneiras de mirar. Se ademais disto consegue  xerar un diálogo con persoas como Costa, aínda mellor.

Te puede interesar