Opinión

A sentenza da Manada

Parece ser que aínda haberá que agardar un mes para coñecer a sentencia. Mentres, o que se puido filtrar á prensa, que non é moito, parece indicar que a dúbida está aí, no aire. O avogado dos acusados -José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero- intenta amosar que a vítima si estivo de acordo en manter relacións sexuais cos cinco homes e entrou no portal convencida. Como o fai? Pois, segundo se pode ler en distintos medios de comunicación, poñendo o foco no posterior, e presunto, “arrepentimento” da rapaza, que, consciente de que fora gravada, quixo eludir a súa responsabilidade polo sentimento de vergonza que experimentou despois ao imaxinar que ese vídeo podería trascender e ser contemplado por moitas persoas. 

Daquela, a denuncia foi realizada, en opinión de Agustín Martínez Becerra -avogado dos cinco acusados-, para evitar que o devandito vídeo saíse á luz. Becerra enriquece o seu discurso tamén aludindo á actitude xovial que a moza mantivo durante un ano nas redes sociais e que, ao seu ver, convértea en pouco confiábel. Pero a cousa non queda aí. Becerra, que parece xa un auténtico “perito sexual”, arenga no xuízo ao respecto de como se efectúan, normalmente, as felacións para demostrar que a adolescente as practicou con agrado. Segundo el considera, fanse cos ollos pechados, así é que si, a vítima estaba de acordo. Brutal! Tamén explica que, ao remataren, os cinco presuntos violadores saíron tan panchos do portal e iniciaron contacto con outras rapazas, sen correr nin parecer, polo tanto, asustados. Por que?, se pregunta Becerra en alto -pregunta retórica, obvio-, para responderse el mesmo despois dicindo que o fixeron deste xeito porque non se sentían culpábeis de nada dado que non violaran a ninguén. Simplemente participaran nunha orxía. Curioso curioso. E que pasa co roubo do móbil? Por que llo substraen se non tiñan medo de nada e fora todo pactado? E por que, pregúntome tamén, a deixaron tirada alí e non foron tomar algo con ela ou a acompañaron ao lugar onde estaban as súas amizades? 

Da mesma maneira en que Becerra, moi habilmente, cuestiona que a obrigasen a manter relacións sexuais, baseándose no que el presupón normal ou anormal, tamén se podería poñer en tea de xuízo o presunto acordo partindo da premisa de que nun encontro sexual conxunto, previamente consentido polos integrantes e a integranta -só houbo aquí unha muller-, a cordialidade e educación serían básicas e fundamentais. Daquela, simplemente por esas dúas razóns -educación e cordialidade-, ninguén que participase nunha orxía deixaría colgada nun portal a unha das participantes. Se nos entendemos para o sexo e nolo pasamos ben todos e todas -ben, aquí só houbo houbo unha muller fronte a cinco homes, repito-, se o acto foi “organizado” de maneira horizontal, por que só eles -os acusados- saen rindo a cachón do portal onde sucedeu todo, mentres ela fica soa e tirada no portal? E por que lle rouban o teléfono? Non sería esperábel, pregunto, que saísen eles e ela rindo de satisfacción, comentando a xogada como se fai despois de calquera actividade divertida que se practicou de modo democrático?. Ata onde eu chego a entender, para que unha “broma” poida ser considerada como tal, e non un abuso, deberían rir todas as partes. Aquí só riron eles. Só eles saíron e continuaron de festa como se tal cousa. Só eles gravaron o feito. Ela, pola contra, non gravou absolutamente nada. É máis, quedou sen móbil. Por que roubarlle algo alguén con que se acordou pasalo ben? Temos que pensar tamén que consentiu que lle chimpasen o móbil porque non saiu detrás berrando? A verdade, paréceme que esta “presunta orxía” foi ben cutre e dececionante. Iso si, unha vez sabido que Becerra entende tanto sobre esta cuestión xa podemos ficar tranquilas e agardar que elabore un manual de felacións, tríos, e, por riba de todo, orxías, dado o seu coñecemento profundo sobre o particular.

Te puede interesar