Opinión

Amor que mata

 

La maté porque era mía. Este era o título dunha das cancións do grupo eúscaro Platero y yo, que tivo grande éxito nos oitenta. Con esta frase, que ben poderíamos recuperar aquí e agora, traducían, consciente ou inconscientemente, o xermolo da violencia machista que, a día de hoxe, constitúe unha lacra social. Que o amor non é sinónimo de posesión é certo. Agora ben, que o teñamos claro, e, por riba de todo, que o levemos á práctica, non tanto. 

Os casos de mulleres asasinadas polos seus homes -eis o acontecido, hai uns días, en Daimiel, por exemplo- así o amosan. Daquela, cómpre unha reflexión seria sobre o particular, que cuestione a visión hexemónica do amor, esa contrución romántica que xera nas mulleres unha perspectiva ridícula e irreal, ao respecto do que significa non só ser amada senón, moito máis importante, significarse. Ata onde eu entendo, significarse como persoa, implica ter unha voz propia, isto é, ser.  Neste caso, ser muller, claro. Pero que leva consigo iso de “ser muller”? Velaquí unha das preguntas que deberíamos facernos para nos substraer desta lameira patriacal heterosexista onde a visión da masculinidade tradicional prevalece. Ser muller ten que ver con “ser en liberdade”, sen cadeas. Isto pasaría por comprender que amar é un exercicio activo, con capacidade para crear. Por tanto, se o feito de amar é en si mesmo unha creación hai nel unha enerxía positiva, luminosa que facilita o acceso á felicidade.

Deberían pois amor e liberdade ir da man? Deberían, pero non o fan. A razón é obvia. Existe unha visión atávica deste sentimento, tan puro e renovador, que o asocia á posesión do outro. Tal asociación propicia a violencia, pois quen posúe séntese con “dereito a” e  con “dereito sobre”. Dominar a muller que se asegura amar, tela baixo control é xa un xeito de matar, na medida en que se anula a personalidade de seu, deixándoa desprovista de identidade. Quen di amar así, o que fai baleirar o contido dese “obxecto” de desexo, porque unha muller posuída é unha muller rebaixada á categoría de cousa e as cousas non se aman, téñense, consúmense, métense en caixas, ou, no peor dos casos, estráganse. 

Malia todo isto que tan ben parecemos saber, a espiral de violencia continúa e cada quince días, ou vinte, temos na prensa algunha nova sobre este drama político que o Estado Español non consegue solucionar. Impartir obradoiros sobre as emocións e sentimentos que desbordan a rapazallada adolescente debería ser obrigatorio nos centros de ensino, porque o realmente importante nesta vida é aprender a ser felices.
 

Te puede interesar