Opinión

Anuncio gordófobo

Os encargados de elaborar a publicidade de atún Calvo light deixárono claro: teñen actitudes gordófobas. Gordófobas e machistas. Porque para vender un produto e incidir nos beneficios de seu non é necesario lanzar mensaxes negativas que resulten ofensivas para tantas persoas como hai con sobrepeso. Calvo, nesta serie de anuncios -porque hai varios na mesma liña-, presenta dous personaxes felices, un home e unha muller -heterosexuais, non vaia ser o demo!-, esvelto el, esvelta ela -polo de agora...- e, obviamente, xoves.

Mozo e moza manteñen unha relación amorosa, que, claramente se atopa no mellor momento. No entanto, un bo día, acoden á casa da nai dela. Que sucede? Atención! A nai está gorda! Gorda? Como se atreve? Pois si. A nai da rapaza está g-o-r-d-a. Un drama. E claro, ante tal visión, o mozo pensa -Calvo permite que escoitemos o razoamento gordófobo deste cretino nuclear concibido polas luminarias de Calvo: “Cuando amas a alguien, piensas que siempre será única, atractiva, hasta que conoces a su madre. Cuidala sin que se dé cuenta”. Glosar esta mensaxe machista, gordófoba, e xerontófoba, paréceme innecesario.

Calquera persoa que a escoite sabe que é bochornoso e produce rexeitamento. Como se defende Calvo das acusacións no Twiter? Eis unha das respostas “clarividentes” do persoal da empresa. Préstese atención: “los protas -encántanos iso de “los protas”! - muestran una actitud positiva -positivo facer algo por medo ás consecuencias?- y enfocada desde el humor -que humor? A quen lle fai graza iso? Se fose humor ririamos todas, as gordas e gordos tamén, pero, cren que lles agadou isto?-. El objetivo es resaltar los beneficios de una dieta equilibrada”. O obxectivo deste anunucio era, principalmente, vender. Ou sexa que non acreditamos na preocupación da xente de Calvo pola nosa saúde. Agora ben, se este obxectivo real -facer caixa- quere encubrirse baixo a apariencia dunha defensa da vida sá, o deporte e a enerxía positiva que deste podemos obter, fágase ben, con respecto e nunha liña positiva, porque nese “aviso” que recibe o mozo ao ver a súa sogra gorda non hai postividade ningunha.

Lémbrame á presentación da sexualidade nunha liña preventiva, que, lonxe de falar do desfrute, pon medo na xente nova, así é que, no canto de resolver as dúbidas e dar pautas para xestionar o desexo, colocan a rapazallada nunha tesitura reaccionaria, de temor. Practicar sexo na España franquista era pecado.

Agora, nesta democracia elitista, é perigoso. Manda truco! Conclusión? O carácter positivo dunha mensaxe vén determinado pola capacidade de seu para potenciar un comportamento construtivo. Daquela, con amosar que alimentarse adecuadamente e facer deporte reporta múltiples beneficios para a saúde física e mental era suficiente. Cun pouco de imaxinación, conciencia de xénero, ganas de aprender e profundo respecto pola diversidade, sairía algo bastante mellor.

Te puede interesar