Opinión

Aprender e imaxinar

As comparacións xeran malestar. Daquela, non lembrarei os anos nos que levabamos os deberes para casa e punto. Sen cuestionar este traballo persoal. Tampouco mencionarei a cantidade de apuntamentos, porque non estou a favor da “chapatoria”. Do mesmo xeito non entrarei na cuestión da inexistencia de clases particulares para sacar adiante as asignaturas, porque nos axudabamos entre nós. É máis, tampouco recordaréis como “tomabamos as rúas”, para xogar. Non o farei porque non considero que o de antes fose mellor. O que si me gustaría é lanzar algunhas preguntas que axuden a facer autocrítica, porque algo haberá que facer se queremos analizar a cuestión de xeito construtivo. Pregúntome entón ata que punto é pertinente arremeter contra os deberes e liberar o alumnado desa responsabilidade ? A que idade a rapazallada pode xestionar por si mesma o aprendido? Poden/deben as familias intervir e cuestionar por sistema o traballo do profesorado nas aulas? Comprendo que para un pai e unha nai o seu fillo sexa moi importante e se centren en apoialo, mais sen perder a perspectiva. Refírome a que nunha clase hai máis dun neno. Daquela, ese protagonismo que o rapaz ten na casa desaparece. Isto é moi educativo, por certo, porque, alén de aprender historia ou xeografía, o alumnado debe formarse como persoa, aceptar as críticas e desdramatizar os problemas. Paréceme que unha parte importante do traballo escolar pasa por asumir as propias responsabilidades, entender que aprender, ademais de interesante e divertido, require un esforzo individual inevitábel. Tendo conta disto, creo que unha nena de trece anos ben podería non afogar nun vaso de auga porque se lle reprende pola falta de traballo ou por non saber comportarse. A verdade é que con todo isto perdemos un pouco a perspectiva. Por unha banda está o profesorado, que se sente ninguneado -polo tanto, irritábel-, e, pola outra, as familias, que, inxenuamente, están a cruzar unha liña vermella perigosa, porque querer ser expertas en todo non só resulta fatigoso mais frustrante, porque nisto de educar sempre seremos aprendices.Vexo pois máis produtivo cuestionar menos ao outro e mirar máis os erros propios. Escribo isto e penso, por poñer un exemplo, neses rapaces que con doce anos teñen un móbil ou pasan horas mirando a televisión, como tamén naqueloutros que van dunha actividade extraescolar a outra e apenas poden estar na rúa e estabelecer vínculos cos seus iguais.

Non sempre son os deberes a causa de que estean inhibidos ou agobiados. En moitas ocasións non andan ao aire libre porque non os deixan. Seguramente por temor a que lles pase algo malo. Darse un golpe coa bici, por exemplo. Mancarse ao caeren por unha escaleira ou ao rubiren por unha árbore... Ah, pero é que a rapazallada agora non sobe ás árbores, non salta á corda, nin xoga ao escondite, pero si pasa o tempo cos videoxogos, fedellando seguido no teléfono e indo todas as tardes a unha pasantía de todo. Por se isto non fose suficiente, tampouco saben organizarse para un simple xogo colectivo. Ao respecto disto, pregunto eu, están inquietos pais e nais por esta ausencia de destrezas, que deixa ver unha carencia absoluta de imaxinación, de habilidades sociais e de valores tan importantes como a humildade ou a xenerosidade? Se o profesorado ten de revisar o seu modo de impartir clases, as familias deberían, pola súa banda, mirar que tipo de actitudes están a fomentar nas crianzas ao non deixar que xestionen os propios conflitos e intervir constantemente nas súas vidas. Evitarlles a frustración debilítaos. Os obstáculos fánselles grandes e se agobian demasiado. Agardo que esta polémica se resolva felizmente para todas as partes e que isto se materialice nunha rúa che de nenas e nenos ás carreiras. A ver se así respiran aire fresco e se fortalecen de verdade.

Te puede interesar