Opinión

Arrepiante

Espantoso. O caso da vítima do clan dos Madriles deixa a calquera coa boca aberta. Javier Gabarri Jiménez, coa complicidade doutros membros da familia, mantivo retida durante 19 días a unha muller á que violou, agrediu e vexou. Todo isto aconteceu en Ourense, na rúa Dalia, durante o mes de xaneiro do pasado 2018. O caso, que figura neste e noutros medios na sección de sucesos, ben podería ser considerado un asunto político. Creo isto porque revela algo moi grave: a violencia machista. Este tipo de violencia, que o feminismo vén denunciando dende hai moitos anos en manifestos, protestas multitudinarias ou folgas, como as do 8 de marzo, forma parte dunha sociedade patriarcal da que non damos conseguido saír. 

O foco cómpre poñelo sempre no agresor, que, neste caso, é o devandito Javier Gabarri Jiménez. Gabarri, duns corenta anos, maltratou, repito, de todas as formas posíbeis a súa vítima. Ademais de violala e golpeala, cortoulle o pelo, deixouna días sen comer, obrigouna a beber o seu propio vómito... Terríbel. Só pensalo mete medo. Se nos pareceu entón que coa manada xa viramos o peor lado do machismo, comprobamos con este caso o noso erro. Está claro que pode ser peor. Velaquí un exemplo. Menos mal que os médicos forenses confirmaron o relato da moza. Isto permitiu que o violador, agresor e raptor fose condenado. Daquela, dos 67 anos, solicitados pola acusación particular, caéronlle 20 a el e dous e medio aos cómplices. Poucos me parecen, a verdade. Haberá que ver agora se cumpre a pena na súa totalidade, porque o dano moral causado deixará graves secuelas na vítima. Como esquecer algo así?; como restaurar unha autoestima pisoteada ata ese punto? 

Non hai palabras suficientemente duras para cualificar este delito, así é que volveremos insistir no que se leva repetindo ao longos dos anos, os crimes de violencia machista son un asunto político. Non un simple suceso. As violacións, agresións e abusos reitéranse. Cómpre pois abrir os ollos e recoñecer que amosan unha tendencia, non algo puntual que poidamos asociar á enfermidade ningunha. Facelo conlevaría a eliminación da responsabilidade de quen perpetra esta violencia contra as mulleres. A ver entón se nos concienciamos dunha vez deste cariz político que reviste a violencia machista e somos capaces de mudar as cousas, porque actos tan desprezábeis non din nada bo da nosa sociedade. Evolución ou involución, que queremos?

Te puede interesar