Opinión

Balance Ton Porc

Con esta frase - “Denuncia o teu porco”- moitas mulleres saíron ás rúas de París para protestar polo acoso sexual. A cousa está que arde, a verdade. Á raíz do escándalo do caso Weinstein saiu á luz pública un debate silenciado en moitos ámbitos durante anos. Aí está Polanski, que se move sen dramas polo país galo, malia a denuncia que lle puxo unha rapaza por violación nos setenta en Estados Unidos, un país ao que non pode regresar. Outros nomes que aparecen enriba da mesa son o de Kevin Spacey, Dustin Hoffman, Bryan Singer, John Lasseter ou Louis C. K. Pero a cousa non queda aquí. Se pensabamos, por exemplo, que este tipo de condutas eran propias de señores de certa idade, estabamos ben enganadas. Aí está James Franco, quen, polo visto, é outro “persistente”. Franco, amparándose no desexo de sedución do que falan agora Catherine Deneuve, Catherine Millet, Ingrid Caven, Joëlle Losfeld, Brigitte Sy, Gloria Friedman ou Stéphanie Blake, asegura non saber de que falan as mulleres que o acusan. Ben, non sabe do que lle falan pero pide desculpas. Segundo el propio explica, pídeas, a pesar de non ter nin idea do que molestou, porque, talvez, si puido incomodalas aínda sen ter esa intención, e, dado que el “está concienciado” coa defensa da igualdade fai “ o correcto”, isto é, insisto, solicita perdón.

Parece un trabalinguas, si, pero nesas anda o guaperas. Non creo que se poida aceptar unha desculpa dalguén que descoñece a gravidade daquilo polo que pretende conseguir o perdón. Simplemente non vale de nada facelo. Se cadra só intenta quedar ben, evitar máis polémicas e librarse do castigo social? Ao meu ver si. Arde París? Arde arde! A cidade do amor, esa que parece ter o “patrimonio” da sedución colocouse no foco da crítica feminista, que, obviamente, se indigna con esta declaración de Catherine Deneuve e compañía. Esta actriz e o seu grupo denominan “puritanismo” ao que as feministas chaman “acoso”.

Daquela defenden -atención!- “o dereito a importunar”, isto é, máis ou menos, o que outrora se denominou “facer a corte”. Pero que é iso de “facer a corte”, “importunar”? Polo visto este dereito a importunar forma parte do comportamento natural de calquera home cis que sinta inclinación por unha muller cis e desexe ligar. Temos entón que entender isto de “ligar”,  como dar caza, pillar, atrapar, facerse con? E a quen se pode “importunar” libremente e durante canto tempo? Pódese “importunar”, segundo estas defensoras da importunidade, a calquera muller en calquera momento, e, moi importante, de calquera idade, malia ter recibido negativas? Cando andar detrás dunha moza deixa de ser divertido para converterse nun exercicio de violencia que revela, ademais, un menosprezo absoluto polo seu criterio? Nun proceso de sedución deberían desfrutar ambas as dúas partes por igual.

Partindo desta idea, importunar nada ten que ver con iso na medida en que implica certa canseira por parte da vítima. Molestar é molestar. En Francia e en Pernambuco. Molestar é querer convencer, dominar e controlar o que outra persoa desexa. Unha persoa molesta cando persevera nunha actitude que desagrada, facendo sentir mal a outra. Alguén que molesta, incomoda moito, mais o peor de todo, é o que se infire desa insistencia continuada. Pero, que se infire exactamente? Un desexo de anular a vontade allea ao tempo que unha boa dose de prepotencia. Un “molestón” vén sendo, para que nos entendamos, un señor cis que infravalora as mulleres, e, polo tanto, pretende aprenderlles o que deben desexar. Sinceramente, non creo que teñamos dereito a importunar a outras persoas para conseguir o que arelamos.

O que si temos é o dereito a respectar que non se nos acepte como interlocutores/as eróticos e a xestionar ese rexeitamento con humildade. A ver se nos poñemos en serio con este tema, porque iso de relativizar con todo é moi elástico e pode servir ata que nos vexamos nun problema de certa envergadura. Diana Quer non quixo, pero “el Chicle” insistiu e xa sabemos como rematou o conto. Venga ya, señoras de Francia! Como lles gusta dar a nota e molestar. Será por iso, porque son molestas e inoportunas, polo que defenden o dereito a importunar? Empatizan co opresor? Curioso curioso.

Te puede interesar