Opinión

Black Power

I Am Not Your Negro. Ese é o título do documental de Raoul Peck (Haití, 1954), que vén de levar, entre outros, o Premio do Público, no Festival de Toronto, alén do dos Críticos en Los Ángeles e o Gotham ao Mellor Documental.

A proposta é ben interesante. Raoul Peck sérvese dos manuscritos dunha novela inconclusa do escritor James Balwin titulada “Remember This House”. Neses textos Balwin fai un percorrido polos espazos que, durante os anos sesenta, partillou con tres figuras emblemáticas da loita polos dereitos civís dos negros. Refírome, obviamente, a Martin Luther King, Malcom X e Medgar Evers, asasinados os tres a sangue frío. Nese manuscrito de Baldwind foi no que se baseou o cineasta haitiano para construír o seu documental I Am Not Your Negro. E construiuno a conciencia, porque o resultado é o buscado. Conseguiu que o público fixese memoria daqueles tempos que constitúen a vergonza de todo un país, Estados Unidos, que, na súa hemeroteca, contén imaxes bochornosas que revelan, non só unha mentalidade pacata e maniquea, mais un profundo sentimento racista por parte dos brancos e brancas.

A verdade é que ver esas imaxes de mozas e mozos manifestándose para que non se integrase o alumnado negro nas universidades produce calafríos e noxo. Hai que mirar pois esas fotografías. Con moita atención. As gravacións tamén. Para que? Para recordar. Cómpre non esquecer o odio e o desprezo que se percibían na publicidade, nos programas de televisión ou nas cancións e fotografías.

Ese imaxinario colonial da poboación branca materializado nas imaxes de arquivo coas que se fixo Raoul Peck para o seu traballo, faise bochornoso. Se a isto lle engadimos a famosa frase de Bobby Kennedy de que “As cousas están a moverse tan axiña nas relacións interraciais que un negro podería ser presidente en corenta anos”, o tema aínda resulta máis irritante. A condescendencia, ese xeito de querer contentar a alguén dándolle un anaco do pastel -o que sobra, claro-, ademais de ser un insulto á intelixencia, faise bastante humillante, na medida en que minimiza as persoas ás que se dirixe. Agora ben, despois de todo isto, a pregunta non se fai esperar. Mudou algo a situación? Non. A supremacía branca sobrevoa coma unha espada de Damocles por enriba da poboación negra. “En América cambiaron moitas cousas -afirma Peck-, pero case todo segue igual. A maior parte dos negros seguen sen ter acceso á educación, nin á vivenda, nin ao emprego”. De todo isto, quédome coa reflexión de James Baldwin, que se escoita ao final do documental. “Non todo ao que lle facemos fronte pode ser mudado, mais nada pode mudarse se non se lle fai fronte. A historia non é o pasado, é o presente. Nós somos a nosa historia”. Baldwin dixit.

Te puede interesar