Opinión

Case 40

Con case 40 os personaxes deste novo filme de David Trueba volven atoparse despois de vinte anos. Un encontro no que agroma certa nostalxia. Ben medida, pero nostalxia. Percibímola, sobre todo, no personaxe interpretado por Fernando Ramallo, que aínda non parece ter madurado como se podería agardar hai 30 anos, por exemplo, dun home que se achega aos 40. Ela, pola contra, si está conectada co momento vital no que se atopa. Con dous fillos, casada, e, retirada xa dos escenarios, o personaxe feminino, interpretado por Lucía Jiménez, si asume e acepta o presente. Notamos nela unha actitude máis consciente e práctica. Creo que o feito de ter baixo a súa responsabilidade o coidado doutras persoas -as crianzas- permitiulle estar ubicada como “se espera” dunha persoa desa idade. Daquela, pode revisar o pasado con este antigo amor e facelo con humor e realismo. Non “fetichiza” ese recordo e pode valorar o que ten. El, de mirada e actitude retrospectivas, vive un pouco atrás, así é que sentimos a fraxilidade de seu, nese romanticismo paralizante que, neste caso, perpetúa a inmadureza. Tendo conta disto, cómpre suliñar a agudeza dos diálogos, que, se ben nalgúns casos se fan en exceso elaborados, si conseguirán captar a nosa atención. Sobre todo polo sentido do humor ante a inxenuidade dese “adolescente viejuno”, que, dito sexa de paso, non é o único nesta fita -aí está o camareiro do bar, que parece vivir algo na inopia-, e que, tamén, vira adulto por momentos. Road movie. Así definen algúns o filme. Eu preferiría usar outro termo. Peli de carreteira, por exemplo, gustaríame máis. De carreteira ou de bares conste, porque tamén deambulan por terrazas e pubs. No entanto, recoñezo que esta observación obedece ao meu rexeitamento polo emprego constante de anglicismos sen buscar sequera algunha expresión no noso idioma para nos referir ao mesmo. En todo caso, iso sería xa outro tema. 

O que interesa de Case 40 é ese estilo persoal de David Trueba que se reflicte na sutileza dos diálogos, nos que, malia algúns momentos de certa afectación, a naturalidade acaba por impoñerse. Grazas a isto, nos deixaremos levar polas charlas no coche, nos bares e restaurantes, nos locais de copas... 

Dalgunha maneira, comprenderemos as teimas desa xeración que naceu nos 80, á que se lle prometeu un futuro brillante, que, obviamente, aínda non chegou. O que teñen é, de feito, bastante incerto. Os/as millennials entraron na escena pública pisando forte, amosando talento e eficiencia, pero a precariedade laboral impide que os desenvolvan. É este o caso do personaxe de Fernando Ramallo? Non ao cen por cen, pois non se deixa ver coma un millennial en pleno esplendor dixital. O seu afán soñador, a  querencia polo aspecto romántico e case heroico da vida, alén do talante nostálxico, sepárao un pouco deste estereotipo. Unha rara avis que permite a David Trueba facer un corte de manga a tanta estupidez ao cuestionar, a través do seu “rarito”, o carácter líquido das relacións dos devanditos millennials, froito en gran medida de actitudes individualistas... Lamentabelmente non é ouro todo que brilla.

Te puede interesar