Opinión

El Chicle, digno fillo do patriarcado

José Enrique Abuín foi directo ao cárcere para cumprir prisión provisional. Permanece incomunicado e sen posibilidade de fianza. O “presunto autor da morte de Diana Quer” cometeu un erro estes últimos días. Arredor das catro da madrugada do 25 de decembro José Abuín, máis coñecido como el Chicle, que andaba por Boiro esa noite, baixou do coche cun coitelo e intentou meter no maleteiro a unha rapaza. Ela pediu axuda a berros. Afortunadamente unha parella que estaba preto correu ata o coche para auxiliala. Abuín ficou uns segundos atordado, algo que a moza aproveitou para fuxir. Intres despois Abuín espabilou, entrou novamente no vehículo e marchou a todo gas. No entanto, malia esta fuxida, os problemas para el foron en aumento. Se xa estaba no punto de mira da UCO pola desaparición de Diana Quer, coa denuncia que fixo a moza agredida en Boiro a cousa púxose aínda peor. Días despois foi detido e conducido a Teixeiro, que é, polo de agora, a súa “residencia oficial”. Esperemos que bote alí moito tempo. A veciñanza de Rianxo, onde foi atopado o corpo, que, segundo explicou este enxendro pertence a Diana Quer, está consternada. Lóxico. Rianxo é un deses lugares con encanto, moi tranquilo e pracenteiro polos que dá gusto pasear. Como ía imaxinar a súa xente que nos arredores da vila, na fábrica abandonada de Asados, ía aparecer o corpo da adolescente desaparecida hai máis dun ano? 

O caso é que este enxendro, el Chicle, confesou finalmente que deixara tirado o corpo nesa nave e puxo fin a anguria da familia, que levaba xa un ano desesperada e preparándose para o peor, que, tristemente, se confirmou. Agora a ver que acontece, porque este tipo desprezábel, misóxino, e, por riba de todo, violento non debería andar solto. Coma tantos outros que se dedican a incomodar, acosar e violentar mulleres á minima oportunidade. Como pode ser que aínda a día de hoxe calquera moza teña temor de andar soa pola rúa? Por que hai que ir sempre ollando cara a atrás con disimulo? Por que uns pasos demasiado próximos producen sobresalto? Ningún home se sente intimidado pola noite se ve achegarse catro mulleres rindo. En ningún momento se sente ameazado por olladas incisivas sobre el. Simplemente non se lle pasa pola cabeza que poderían agredilo ou violalo. Se a situación fose a inversa, si. Sermos prudentes, isto é, andar con catro ollos, e procurar sempre que nos acompañen a casa non é a solución para evitar este tipo de ataques. 

O que deberiamos conseguir é unha sociedade na que as mulleres puidesen andar tranquilas polas rúas, como andan os homes. Lémbrese, por exemplo, que antes de que a pillase o enxendro de marras -José Enrique Abuín, alias el Chicle- Diana Querr enviou un último whatsapp no que manifestaba inseguridade e temor de ser atacada. “Me estoy acojonando, un gitano me estaba llamando: ‘Morena ven aquí". Este home, finalmente, non lle fixo nada, pero o feito de que a increpase, alarmouna. Mal imaxinaba ela que o perigo estaba noutro lado. Sempre pode ser peor, está visto. Isto da violencia machista é unha auténtica lacra social. Non é que algo ula mal en Dinamarca. É que, sinceramente, apesta.

Te puede interesar