Opinión

Chus Pato, esa voz

Poderían os textos de Chus Pato ser considerados unha expresión da contemporaneidade? Se como ela mesma explica hai no que escribe unha reflexión, determinada pola pausa necesaria para contemplar o recente acontecer, si. Pato explica isto moi ben nunha entrevista, partindo do que Walter Benjamin entendía por “contemporáneo”. Unha vez aclarado isto, poderiamos preguntarnos  entón se existe este tipo de reflexión nos poemas de Chus. É interesante meditar sobre esta cuestión, porque o feito de construír un edificio significativo con palabras devén un pracer creativo que se percibe na posterior lectura. 

Refírome á elaboración minuciosa do discurso, dada a súa complexidade expresiva, ou, tamén, a algún que outro golpe brutal coma este, “A miña lingua nativa é o fascismo”. Todo o referido é bonito de dicir pero difícil de facer. Cómpre non perder isto de vista e ter conta da importancia desa capacidade arquitectónica de seu, ao meu ver, extraordinaria. Uso aquí “extraordinaria” en sentido literal. Non para facer máis grande a voz de Chus, que non o precisa, senón para plasmar ese talento ao conxugar contido e forma dun xeito tan pouco usual, e, xa que logo, fóra do poema hexemónico, ese que se laurea en moitos certames. Chus Pato non escribe bonito, nin feo. Non trata sobre sentimentos, convócaos cada vez que consegue interperlarnos. Non fala de amor, éo. Hai no que escribe iso que Roland Barthes denominaba o “plaisir du texte”. Que significa isto? Moi sinxelo, isto significa que o deleite que experimentamos ao ler moitos dos seus poemas é, máis ou menos, proporcional ao desfrute da autora ao construílos. Daquela, a experiencia á que nos arrastra, cos seus altos e baixos, coas caídas necesarias -ás veces non comprendemos ben que quixo dicir exactamente-, pode situarnos nun lugar diferente dende o que dá gusto mirar. Mais, dende que lugar fala entón Chus Pato? Dende a subxectividade e o desexo. Que nos identifiquemos co seu discurso, que o sintamos propio ou nos provoque malestar, forma parte dese carácter extraordinario inherente ao escrito nos seus libros.

Chus Pato é, insisto, unha voz diferente e singular porque nunca se conforma. Entende a linguaxe coma o que é, unha trampa. Déixase caer nela, afunde e volve saír, porque sabe entrar nas palabras e acepta perderse nelas. Experimento estético? Non. Vivencia, paixón, e unha vontade absoluta de se render ante o texto, que, consciente da liberdade que se lle permite, mantén con Chus unha reciprocidade ben fructífera. O poema adquire vida propia. Pensa, pero tamén é pensado. Das mellores voces dos últimos corenta anos? Evidentemente si. Sería absurdo non recoñecelo.

Te puede interesar