Opinión

Cine galego en Cannes

Laxe repite en Cannes. O cineasta galego, que xa gañou neste Festival de Cinema o premio Fipresci con Todos vós sodes capitáns (2010) e mais o recoñecemento da crítica coa súa segunda longa, Mimosas (2016), compite desta volta cun terceiro traballo: O que arde. Oliver Laxe est un cinéaste gallicien formidable, afirmou rotundo Thierry Frémaux para informar o público que a peli do galego estará presente na sección “Un certain Regard”. Comparto a opinión de Frémaux. Laxe é, en efecto, un artista do que Galiza pode sentirse orgullosa. Estar tres veces nun dos festivais máis prestixiosos do mundo é xa un premio dos gordos para el, mais tamén para nós que, obviamente, lle desexamos o mellor. 

Viendra le feu, ese é o título que se lle deu en francés, permitirá que un filme sexa proxectado en Francia no noso idioma. O galego será pois escoitado na sala de proxección do Festival de Cannes pola flor e nata do cinema internacional. Cómpre entón celebrar o éxito de Laxe e deixar claro que é moi merecido. Éo por dúas razóns evidentes: o esforzo que lle supuxo realizar cada película e a singularidade do seu traballo. Todo o que leva feito Laxe ata o de agora amosa unha intelixencia emocional poderosa e moita creatividade. Supoño que parte desta imaxinación do autor procede da súa loita persoal por manter a salvo a capacidade de asombro e intentar mirar con fe cada proxecto. Tamén da humildade e transparencia que se percibe nas súas palabras e actitudes. A capacidade de autocrítica de Oliver lévao á procura desa “digna submisión” que tanto admira naquelas persoas que saben asumir e aceptar aquilo que lles sucede e que, por diferentes causas, non sempre poden mudar. Isto é doado de dicir, mais moi difícil de levar á práctica. 

Normalmente opoñemos resistencia ao que non nos gusta da nosa vida e ficamos varadas/os cando o mellor sería, en moitos casos, soltar lastre. Paréceme interesante dar conta desta teima do director -aceptar que pode ser “pequeno”-, porque creo que nela radica gran parte desa creatividade que o caracteriza. Estamos ante un dos mellores autores do Novo Cinema Galego que non se quere cínico, nin resabido, así é que non dá por suposto o seu talento e persevera en aprender. 

Amante das boas conversas, humilde e natural, este artista achégase ás persoas con delicadeza e parece ter nas súas mans “o segredo” do éxito. Cal pode ser este segredo? Ao meu ver, a chave de todo consiste en engadir ao talento e esforzo algo determinante: o entusiasmo. Laxe é un tipo inspirado que desfruta co que fai. Pon o corazón en cada filme.  Así de simple, así de complexo. Bravo por el!

Te puede interesar