Opinión

"Corredoras" por Rosa Enríquez

Hai mulleres que corren con lobos. Outras corremos soas. Facémolo porque nos gusta a sensación de liberdade que experimentamos durante a carreira. Podemos saír con sol ou chuvia. Gústanos sentir ese poder. Estamos orgullosas da vontade e disciplina que implica o feito de nos botar á rúa, que é onde mellor e máis a gusto se corre, malia a morea de obstáculos que se presentan. Algunhas corren para competir, porque lles encanta participar en maratóns ou carreiras populares. Outras facémolo simplemente para estar en forma, sentir a potencia do corpo e desfrutar da prestancia física que nos proporciona o esforzo realizado. No entanto, un dos maiores beneficios de correr, como sucede coa maioría dos deportes, é o benestar psicolóxico que se consegue. Isto ten que ver coa secrección das famosas endorfinas que favorecen o optimismo, algo moi necesario para levar unha vida sá e agradábel. Somos conscientes entón de que esta práctica mellora a nosa calidade de vida e nos empodera. Como renunciar a iso? 

De ningún xeito faremos tal cousa, a pesar do sucedido en Huelva con Laura Luelmo, que tamén corría soa e desfrutaba deste pracer incríbel ata que Bernardo Montoya a asasinou, previo “intento” de violación. Estamos por tanto ante un novo caso de violencia contra as mulleres, algo terríbel que non deixaremos de repetir xamais porque  sabemos que un asasinato coma este reflicte algo obvio para máis da metade da cidadanía: vivimos nun patriarcado penoso e noxento que constitúe unha vergonza para calquera Estado minimamente democrático. Urxe entón poñer o foco nos acosadores, agresores, violadores, ou, no peor dos casos, asasinos, e deixar de cuestionar as vítimas. Tolerancia cero.

Te puede interesar