Opinión

De monumentos e desastres

Un desastre. Ver arder Nôtre-Dame deixou a cidadanía de París conmocionada. Toda Francia lamenta o sucedido. Tamén Europa e o resto do planeta. Esta impresionante catedral, inmortalizada por Víctor Hugo na súa famosa novela -Nôtre-Dame de Paris, publicada en 1831-, asistiu silandeira a moitos acontecementos históricos, algo que lle confire esa espectralidade tan atraente dos monumentos antigos. Aí están outras catedrais que constitúen tamén espazos imantados -a de Santiago de Compostela, a de Canterbury...-, non tanto por motivos espirituais, mais polos segredos que gardan. Este efecto que provoca en nós a contemplación de obras de arte arquitectónicas coma as citadas, aumenta coas construcións máis antigas. 

Eis o impactante altar de Pérgamo, o Partenón, as pirámides de Guiza ou a mezquita de Al-Aqsa, que, por certo, ardeu o mesmo día que a catedral parisina, malia non aparecer isto reflectido coa mesma intensidade e preocupación polos medios. Al-Aqsa, construída durante a dinastía dos Omeias, foi rematada alá polo ano 710 e constitúe un dos tres lugares sagrados máis importantes para o Islam. Ademais, parece que foi construída sobre as ruínas do antigo Templo de Salomón. Que maior espazo entón de contención de segredos? É lamentábel que ardesen estas obras de arte, pero aínda resulta máis lamentábel o noso descoñecemento do acontecido en Jerusalén mentres aumentaba a estupefacción colectiva en toda Europa pola estampa horríbel de Nôtre-Dame. 

Isto de que nos enterásemos un día, ou dous, máis tarde de que tamén se queimou a mezquita de Al-Aqsa permite ver nidiamente o egocentrismo do mundo occidental, que sempre se coloca como referencia cultural e endexamais se imaxina “o outro”. No entanto, dende o outro lado da barreira, éo. Guste ou non. Creo que todas as manifestacións culturais, artísticas e relixiosas merecen respecto e consideración. Sería ben interesante mirar máis alá do noso cadradiño e manifestar un pouco de humildade. A mezquita é moito máis antiga que Nôtre-Dame, así é que, se o grao de antigüidade dun monumento fose o criterio principal para determinar o seu valor, non dar conta do desastre acontecido en Jerusalén revelaría un agravio comparativo, aínda que probabelmente só revele falta de eficacia e certa suficiencia. As cousas feas normalmente teñen causas bastante menos dramáticas das que supoñemos. Causas tan prosaicas como a incompetencia tal vez?

Te puede interesar