Opinión

De necesidades

Que Alberto Núñez Feijoo dixese: “A verdade é que me parecía que a señora Pontón estaba moi necesitada” reflicte non só unha actitude machista, mais tamén unha falta de educación grave. Non creo que este tipo de misivas teñan valor nigún como argumento nun debate. Son un intento de ataque persoal. Intento porque non se logra quedar por riba de ninguén. O Presidente da Xunta o único que conseguiu foi rebaixarse. Din por aí que cando falamos mal doutra persoa nos definimos, así é que, segundo este dito, o que fixo Núñez Feijoo ao pronunciar esta bochornosa frase para referirse á deputada Ana Pontón foi unicamente falar del propio, desas carencias persoais que o levan a proxectar noutra persoa algo que lle acontece a el propio. Que pode necesitar Alberto Núñez Feijoo entón? Talvez mellores argumentos e máis capacidade dialéctica? Podería ser. En todo caso, cómpre non esquecer outra actitude igual de desprezábel, ou máis. Refírome á do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira. Santalices, previamente á réplica de Ana Pontón, xa deixou que lle vísemos o plumeiro ao exclamar iso de: “Non compliquemos, calma calma”, porque estaba clara á lea que se ía formar alí á raíz desa faltada de Feijoo. Complicar, máis ou menos, vén sendo converter algo fácil en difícil, facer que perda a súa “presunta” sinxeleza. 

O caso é que a frase de marras nin era fácil nin difícil. Tampouco non sinxela. Era simplemente unha frase absurda, irrelevante nese debate, e para nada inocente. Talvez procedese dun pensamento primario, por machista, si, pero o machismo nin é sinxelo, nin é complicado. O machismo é unha vergonza nunha sociedade pretendidamente democrática como se supón que é a galega. Pero deixemos isto a un lado e volvamos ao Sr. Santalices. Lembremos como actuou ante a réplica de Pontón. “Para que quere a palabra, Sra Pontón?” comezou ladino coa intención de minimizar o interese do que Póntón ía dicir, algo que a Santalices, só con imaxinalo, xa lle levantaba dor de cabeza. A partir de aí, expresou en voz alta a urxencia de “sosegarse” para non perder o tempo. Malia todo, como non estaban nun bar e tiña que amosar decoro, deulle a palabra. Deulla, pero non totalmente, porque a cortou continuamente coa idea de imposibilitar outro debate que se lle antollaba ridículo, pois para el e para Feijoo, isto de facer fincapé nos micromachismos é unha boutade. Daquela interrompeuna, insisto. Constantemente ademais. Fíxoo para que non puidese poñer enriba da mesa o machismo evidente de Feijoo, e, cun galego penoso, díxolle -literalmente- “(…) o Sr. Presidente retirou todo o que había falado sobre vostede”, como se o feito de o retirar impedise sacar á colación a faltada de Núñez Feijoo. 

Tendo conta deste bochornoso asunto, entendo que nin Feijoo nin Santalices recoñecen ante eles mesmos as súas actitudes machistas, e,  xa sabemos que nada hai peor que a prepotencia para conseguir algún tipo de evolución persoal, algo que deberían poñer en práctica. Non só polo beneficio que obtería a cidadanía diso mais por eles propios. Debe ser triste permanecer varado nun imaxinario tan rancio que adoita derivar en comportamentos patéticos coma estes. As necesidades que ambos os dous teñen fanse, por tanto, evidentes para nós. Tanto Feijoo coma Santalices están suspensos en educación. Nisto da interacción coas mulleres precisan pois, urxentemente, mellorar. O de cambiar é fácil de dicir, pero moi complicado de levar á práctica, porque esixe humildade, algo que tampouco figura no seu curriculum. Parecen necesitar moitos cambios estes señores. A verdade é que resulta curioso que falen de necesidades as persoas que máis carencias amosan...

Te puede interesar