Opinión

Depredadores humanos

O pasado sábado tivo lugar en Dozón, na comarca do Deza, unha matanza en toda regra. Os participantes no Campionato de caza do raposo galego, un total de 160 cazadores, cargáronse unha morea de animais, que, finalmente, foron dispostos no chan, á vista de todas as persoas que quixesen contemplar a devandita carnicería. A visión do resultado dese acto arcaizante, cruento e despiadado fíxose aterradora.

As fotos rularon polas redes sociais nestes días, así é que poden verse facilmente. Isto de experimentar pracer matando animais -cantos máis mellor-, co único obxectivo de gañar un premio, revela unha brutalidade inmensa que debería ser penalizada duramente. Matar para comer pode entenderse, pero isto pasa de castaño a escuro. A verdade, non consigo empatizar con tan absurdo divertimento, nin tampouco non me agrada que se considere “deporte”. Deporte? Empregamos o termo “deporte” cando deberiamos dicir, por exemplo, abuso? Matar dun xeito sádico coma este non constitúe actividade deportiva de ningún tipo. É unha práctica violenta. Nunha carnicería coma a de Dozón, denominada de xeito eufemístico campionato de caza do raposo, sempre se divirten os mesmos: as bestas humanas que se lanzan ao monte cunha escopeta para pillar o máis feble, que dificilmente poderá fuxir das gadoupas do seu depredador particular. Non é preciso posuír grandes coñecementos sobre este tema para sentir ira ao presenciar o grao de involución mental que ten de se haber para chegar a este nivel de violencia co medio ambiente, porque o raposo, como o lobo, son seres do mundo natural que teñen dereito a vivir. Despois de ter visto como morren tantas persoas queridas e sufrir por iso, non se comprende esta prepotencia humana. En que momento nos colocamos por riba dos animais e por que razón? Non sería moito máis homesto recoñecer as nosas limitacións e aprender a desfrutar sen que o noso pracer cause dano de ningún tipo?

Que a Xunta de Galicia dea apoio a esta práctica violenta, cualificándoa de cinexética, deixa ver claramente onde estamos. No País dos ananos talvez? Talvez si, talvez esteamos diante dos derradeiros restos -agardemos que sexan os derradeiros!- dunha Galiza profunda e carniceira, que festexa o crime, porque iso que se fixo co raposo en Dozón, é un atentado contra o medio ambiente. A obscenidade de exhibir tal atrocidade, pola súa banda, deixa ver ata que punto é soberbia a ignorancia. Cousas veredes...

Te puede interesar