Opinión

Diario cultural

Nestes días fíxose público que o Diario Cultural desaparecerá da programación da Radio Galega. Despois de 28 anos -comezou a súa andaina alá polo ano 1990-, este mítico espazo, coordinado por Ana Romaní, chega ao seu fin. Dende a CRTVG explicouse que os contidos culturais se distribuirán en diferentes informativos. Aseguran tamén un total 100 minutos destinados á difusión da actualidade cultural galega, fronte aos 50 do Diario Cultural, que se emite, de luns a venres, das 15:07 ás 16:00 horas. Este incremento que se nos vende como algo positivo non o é en absoluto por varios motivos. De entrada supón unha ruptura da cita habitual coa audiencia, algo que implica confusión. Non é o mesmo saber a que hora atopar unha información do noso interese que tela distribuída ao longo do día e mesturada con outros temas. Ademais disto a atención e respecto dedicada a cuestión cultural non será o mesmo, pois o devandito Diario Cultural non se limita a informar. Tamén ofrece unha análise interesante do que sucede nas artes escénicas, no cinema e na literatura de noso. 

Que a poeta Ana Romaní coordine esta emisión é unha garantía constatada ao longo dos anos de coidado e rigor, por tanto constitúe unha aposta á que non queremos renunciar -disque deixará de dirixir o programa para ser unha traballadora máis- dada a eficiencia de seu. Que vai suceder entón, se eliminan o Diario Cultural, coas entrevistas ás autoras de novelas, poesía ou ensaio?; Que acontecerá coas conversas en directo coa xente do cinema e do teatro galego que fan un traballo impresionante na Galiza e das que queremos saber todo?; Que pasará con ese premio de Teatro Radiofónico?. Podería continuar formulando preguntas retóricas das que a resposta é evidente, pero xa vou farta. O que vai ocorrer con todo isto é ben simple: desaparecerá. Esta desaparición supón un “exterminio” absolutamente cínico e hipócrita da cultura galega. Hai que ser ben pouco intelixente para pretender verdernos a moto dos 100 minutos. Pouco intelixente e nada respectuoso, pois nese intento de que nos traguemos o conto “advertimos” algo bastante grave: a infravaloración da audiencia. En todo caso, aquí estamos para dar a lata, criticar e denunciar este abuso de poder. O obxectivo da nosa protesta non é outro que intentar evitar o devandito exterminio cultural. Temos por diante catro meses para contraatacar. 

Entón, se nos gusta presumir do traballo excelente que están a desenvolver, poño por caso, artistas como Oliver Laxe ou Álvaro Gago -este último vén de levar un premio en Sundance polo seu filme Matria-, debemos mollarnos. Non só hai que dar apoio na época das vacas gordas. Iso é moi fácil. Estamos entón  á espera  dos “popes da cultura e da política” deste país. A ver se fan algo minimamente útil, malia non lles reportar directamente un beneficio económico.

Te puede interesar