Opinión

Discursos memorábeis

Opasado sábado celebrouse a entrega dos premios Goya. O acto -presentado por Andreu Buenafuente e Silvia Abril- tivo lugar no Palacio de Exposicións e Congresos de Sevilla. Nel houbo momentos memorábeis dos que decido quedarme, especialmente, con tres. O do discurso de Jesús Vidal, por exemplo -Goya ao Mellor Actor Revelación-, é un deles. Imposíbel non emocionarse coas súas sabias palabras. Sabias e necesarias. No entando, aínda houbo outro momento que me interesou máis. Refírome ao do discurso de Mariano Barroso -actual presidente da Academia de Cinema-, certamente moi intelixente. Barroso, nunha liña claramente antielitista coa que concordo, lonxe de caer na queixa fácil e vitimista ante o esplendor dos novos formatos dixitais, amosou unha actitude aberta e conciliadora. Ao seu ver as salas de proxección non deberían ver como “inimigas” a plataformas como Netflix ou Amazon e xerar con elas un diálogo. O novo Presidente da Academia é consciente de que o xeito de ver cine está a mudar. Por esta razón incidiu na idea de que é urxente afrontar esta realidade. Ademais, o éxito das novas pantallas non impediu que este ano houbese, segundo el explicou, dezasete millóns de espectadoras/es en sala. 

Tendo conta disto, podemos supoñer que, durante uns cantos anos, as salas de cinema poderán convivir con este tipo de plataformas de maneira harmoniosa. Alén deste asunto, Barroso fixo referencia a outros temas. Evidentemente! Mencionou pois pelis, que, malia non ter sido nominadas a un Goya, si foron moi taquilleiras. Deulle entón os parabéns a Bayona, polo éxito comercial de Jurassic World, e a Rodrigo Sorogoyen, cuxa curtametraxe Madre está nominada a un Oscar. Non é para menos! O director de El Reino parece estar en racha. Outra que ten a sorte do seu lado é Arantxa Etxebarría. A directora bilbaína, que levou o sábado o Goya á Mellor Dirección Novel polo seu filme Carmen y Lola, protagonizou o terceiro momento memorábel da noite ao lanzar un discurso moi potente sobre a importancia da diversidade e a loita pola igualdade de dereitos que as mulleres levamos reclamando anos e anos. É máis, Etxebarría decidiu dedicar esta peli, en especial, a aqueles e aqueloutras que non permiten amar diferente e non son capaces de se poñer nos seus zapatos. Tamén aos que non cren necesaria unha Lei de Violencia de Xénero e que, consecuentemente, intentan frustrar a loita feminista e o apoio ao colectivo de persoas trans. Hai quen opina que esta dedicatoria ía dirixida a Vox. Por que será?

Te puede interesar