Opinión

As distancias, de Elena Trapé

Elena Trapé vén de levar a Biznaga de Ouro en Málaga polo filme Les distáncies. Nel, a directora catalá pretendía “hacer una película sobre el rencuentro de un grupo de amigos”. De amigos? A verdade é que nese grupo algo falla. A relación que manteñen, en apariencia harmoniosa, está deteriorada. Todos, agás un -Guille- están nunha situación laboral precaria que, obviamente, repercute na súa vida persoal.

A cousa vén sendo así: Eloi, Olivia, Ana e Guille, preséntanse por sorpresa en Berlín para visitar o seu amigo Alex Comas, que, polo visto, non está no seu mellor momento -ao longo do filme averiguaremos a causa- e non dá mostras de alegría ao ver como se lle meten no piso para pasar a fin de semana con el. Estamos ante un conxunto tenso, tamén bastante inmaduro, que parece non asumir moi ben o paso do tempo, pois, dalgunha maneira, actúan coma se tivesen aínda vinte e poucos anos.

Trapé explica que parte desa tensión emocional que se observa en tres grandes momentos do filme -a discusión do principio, na que están todos presentes, o diálogo do medio entre Olivia e Marion, un quinto personaxe que só aparece nesta escena, e a agarrada final a tres bandas, entre Guille, Olivia e Eloi-  ten que ver coa crise económica, que “nos pilló justo en el momento en el que pensábamos: ahora voy a mejor. Llevo tiempo trabajando y ahora es el momento de dar el salto, de alcanzar estabilidad”.

Pero non foi así. Lamentabelmente a xeración que anda agora pola trintena -coma o grupo protagonista do filme- teñen serias dificultades para desenvolver as súas capacidades nun traballo. Tanto máster, tanto erasmus e idiomas para que?; que sucedeu con estas persoas e que sucederá?. As preguntas quedan aí, sen máis. Por pura retórica, conste, porque a resposta é evidente. Como di a propia Elena Trapé, o devandito momento de acadar a estabilidade “no sólo no pasó, sino que no pasará”.

Soa fatal, verdade? Pois, tristemente para nós, Trapé ten razón e este problema da precariedade laboral tardará en solucionarse. Daquela, Les distàncies mide a temperatura do fracaso ao internarse no mundo emocional duns personaxes que son vítimas da tan cacarexada violencia estrutural e non conseguen madurar totalmente porque, alén da propia vontade, tamén pesan as circunstancias e estas son penosas.

Creo que Elena Trapé sabe ler as causas do baleiro existencial que agroman neste noso tecido social tan fracturado. Por esa razón conseguirá atraparnos con esta historia cuxos escenarios -tanto exteriores coma interiores, que son a maioría- e a luz fría que os envolve contribúen a reforzar esa idea de perda, de confusión e desleixo. Unha historia dura e sutilemente enfocada, cun guión intelixente que sabe trasladar á ficción o ton natural dunha conversa calquera. Paga a pena vela.

Te puede interesar