Opinión

Do xenio Abraham Cupeiro

A música de Abraham Cupeiro (Sarria, 1980), absolutamente innovadora e hipnótica, consegue envolver os sentidos. Este artista recolle para nós os sons do pasado con instrumentos ancestrais, coma o Karnix, unha singular e enorme trompeta zoomórfica. Este obxecto precioso, que certamente causa asombro, mide case dous metros. O son de seu sae ao exterior por unha boca aberta de peixe que se fai difícil non mirar. 

Ao xenio de Cupeiro, ao seu talento indiscutíbel, engádeselle a intelixencia de saber buscar onde é que pode existir unha fenda pola que coarse e traer de volta o que busca, ese ronsel de melodías remotas. Non negarei que me enfeitizou o seu traballo, porque a idea de albiscar polo furadiño o que xa foi me seduce. Tendo conta disto, escoitar o Karnix -construído polo propio músico a partir da imaxe que deste instrumento aparece nunha moeda romana-, foi unha experiencia que desfrutei enormemente. É máis, eu, que sempre tiven inclinación por estas cousas do pasado e me entusiasmaba só con imaxinar a Roldán tocando o seu olifante, sentín que Cupeiro me dispensaba xusto o pracer que procuraba, así é que non quero pasar por alto a miña descuberta. Debo entón manifestar que a sopresa foi grande. A comparación co devandito olifante, inevitábel. De feito, ese corno de Roldán fíxoseme “pouca cousa” e perdeu atractivo para min. Non só pola diferenza de tamaño, mais tamén pola profundidade do son que se consegue co Karnix que, talvez erradamente, dado o meu descoñecemento nesta materia, considero difícil de acadar cun olifante. 

En todo caso, o mérito de Abraham paréceme inmenso, na medida en que, por pouca sensibilidade que se teña, causa sorpresa seguro con ese corno-peixe. Iso sen ter conta de que, alén deste urrar celta do Karnix de marras, posúe outros douscentos instrumentos curiosos, entre eles o Cornu -un instrumento que se tocaba no Senado Romano-, cos que persevera na materialización desas vibracións insólitas ás que se suma a mestría da Real Filharmonía de Galicia. O resultado? A excelencia, que, como tal, merece ser celebrada. O traballo de Abraham Cupeiro coloca, por tanto, o noso país na punta de lanza estética coa súa proposta singular e fresca, algo que lle agradecemos dado o fastío que supón a repetición da repetición, provocada por unha endogamia cultural castrante. Bravo!

Te puede interesar