Opinión

Dor e gloria

Dolor y gloria. Ese é o título orixinal do filme de Almodóvar, que xa se pode ver nas salas nestes días. O cineasta explicou na revista Cahier du cinema de xaneiro que con esta fita completa, sen o ter así pensado nun principio, unha triloxía iniciada con A Lei do desexo (1987) e A mala educación (2004).  “Nos tres traballos -escribe o realizador para a revista francesa- os personaxes son cineastas, pero o xeito no que a realidade se mestura coa ficción é diferente”. Iso si, en todos temos, coma el mesmo indica, unha parte de dor e outra de gloria. Canto de cada unha? No caso concreto do último filme un pouco máis da primeira. 

En efecto, o protagonista, interpretado por Antonio Banderas con precisión impecábel, sofre bastante. Tanto dende o punto de vista físico como psicolóxico. Estamos ante un home maduro cun estado de saúde delicado que se afai a tomar analxésicos para paliar esa dor que o paraliza, e que, durante boa parte do tempo, lle fai sentir incapaz para continuar traballando no que máis lle gusta: rodar pelis. A verdade é que, despois de ver Julieta, que gustou bastante menos ao público, ou a insufríbel Os amantes pasaxeiros, Almodóvar recupera o músculo autorial e ofrece unha peli interesante, tensa e intensa. Tendo conta deses coqueteos co melodrama que, en ocasións, se podían percibir nalgunhas escenas de filmes como La flor de mi secreto, poño por caso, con personaxes levados ao límite emocional, hai que destacar a contención desta peli. 

Esta contención interpretativa permitirá a quen  vexa o filme experimentar certa empatía, algo ben estimulante para o que se busca ao acudir ás salas de proxección. Refírome á procura dunha experiencia espectadora diferente. Creo que consegue isto, non só grazas a potente interpretación de Banderas, Aser Etxeandía -tremendo!-, Sbaraglia, Nora Navas, Penélope Cruz e Julieta Serrano, mais tamén a un guión ben construído con silencios reveladores que nos deixan entrever ao Almodóvar máis auténtico. Se a todo isto lle engadimos algúns dos diálogos que manteñen Julieta Serrano e Antonio Banderas, cos que o director conseguiu combinar humor e tristeza con mestría, case poderiamos asegurar que Dolor y gloria é unha peli narrativamente redonda. Xunto con Matador, Volver, Todo sobre mi madre, ou Mujeres al borde de un ataque de nervios, das mellores do artista.

Te puede interesar